Paco Rodríguez exhortou aos ourensáns e ourensás a emular a Fernández del Riego e non renderse nunca “fronte ao ruído e a furia”

O PSdeG-PSOE de Ourense celebrou un emotivo acto, en homenaxe ao intelectual ao que este ano se lle adica o Día das Letras Galegas, no que houbo actuación musical e dramatización a cargo da actriz Uxía Morán

O membro da candidatura José Ramón Morgade lamentou que non houbera convocado ningún acto institucional por parte do Concello de Ourense para celebrar o Día das Letras Galegas na cidade

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 17 de maio de 2023. A candidatura do PSdeG-PSOE que se presenta polo Concello de Ourense para as vindeiras eleccións municipais do 28 de maio celebrou, co gallo do Día das Letras Galegas 2023, unha homenaxe á figura de Francisco Fernández del Riego ao que este ano se adica a xornada. Fixoo nos Xardíns da Biblioteca Nós nun emotivo acto ao que puxeron voz o aspirante á alcaldía, Paco Rodríguez; a número seis da candidatura, Cristina Cruz; e o número quince da mesma, José Ramón Morgade.

Na súa intervención, Cristina Cruz realizou un breve recorrido pola traxectoria do homenaxeado que foi artífice, precisamente, da instauración do 17 de maio como día para enaltecer a escritores e escritoras do idioma. “Francisco Fernández del Riego tiña como obxectivo visibilizar a lingua e a literatura galegas nun contexto nada amable da ditadura franquista”, sinalou. Citando as propias palabras de Fernández del Riego, a candidata explicou: “O día 17 de maio de cada ano virá a ser a data destinada a recoller o latexo material da actividade intelectual galega”.

O homenaxeado foi unha figura incansable no seu traballo a prol da cultura, participou na fundación do Partido Socialista Galego (PSG) en 1963, a editorial Galaxia e a revista Grial nos anos 50, foi director da Fundación Penzol durante 47 anos de maneira desinteresada; director da RAG dende o ano 1997 ao 2001 e estivo vinculado ao Seminario de Estudos Galegos e ao Museo do Pobo Galego. “É un dos intelectuais máis relevantes da nosa historia”, incidiu.

Pola súa banda, José Ramón Morgade lamentou que non houbera convocado ningún acto institucional por parte do Concello de Ourense para celebrar o Día das Letras Galegas na cidade. E nesta liña, engadiu que resulta triste que o Partido Popular non empregue o idioma máis que o 17 de maio ou en momentos puntuáis nas súas redes sociais.

“Centramos a nosa homenaxe nunha frase que debuxa á perfección a Fernández del Riego, segundo outros escribiron, que o cualifica como ‘o que nunca se rendeu’. Esta frase é moi oportuna xusto neste momento, nestes tempos nos que nos sentimos tentados a rendirnos ante os tambores destemprados da furia, orquestados para derruír a razón e mesmo o sentido común”, afrimou Paco Rodríguez na súa intervención.

“Non rendirse é permanecer fieis ás ideas. Non rendirse é defender a nosa cultura e o noso idioma”, rematou durante un emotivo acto no que actuou o dúo de voz e piano integrado por Lorena e María que interpretou varios temas como ‘Lela’, de Dulce Pontes, e o himno galego.

Sobre o compromiso do Goberno central coa estación intermodal

O aspirante á alcaldía da cidade, Paco Rodríguez, agradeceu a importante inversión que o Goberno socialista de España anunciou esta semana para converter a estación intermodal de Ourense no nodo ferroviario do noroeste. E subliñou que sempre que se orzamentas grandes obras para a cidade e a provincia faise con gobernos socialistas, tanto a nivel estatal como a nivel local.

“O noso proxecto de Norman Foster e de integración foi inxustamente atacado e desmantelado polo PP. Non sabemos se foi, simplemente, porque era un proxecto socialista. A partir do día 28, e desde o agradecemento e a máxima consideración ao goberno central por facer unha dotación económica tan importante, queremos manifestar que imos intentar impulsar un consorcio con participación de tódalas institucións involucradas para recuperar, ata onde sexa posible, esa oportunidade que case se perde de que Ourense sexa a estación central de Alta Velocidade de Galicia, como lle corresponde”, rematou.