O Psdeg-Psoe destaca en Amoeiro a importancia de contar con gobernos locais de progreso do Psoe para converter en “referentes” aos municipios da provincia

Nun acto na Casa da Cultura de Amoeiro participaron o alcalde, José Luis González; o deputado no Congreso, Adolfo Pérez Abellás; e o secretario provincial e candidato en San Cibrao, Rafa Villarino

Tamén puxeron o foco en que unha das grandes forzas transformadoras da nosa sociedade reside no “forte municipalismo” dos e das socialistas

AVANTAR ACTIVIDADES

Amoeiro, 20 de maio de 2023. O PSdeG-PSOE destacou hoxe en Amoeiro a importancia de contar con gobernos locais sólidos e de progreso do PSOE, para converter en referentes en todo o Estado aos nosos municipios. Nun ilusionante acto na Casa da Cultura de Amoeiro no que participaron o alcalde deste concello, José Luis González; o deputado ourensá no Congreso, Adolfo Pérez Abellás; e o secretario provincial e candidato en San Cibrao das Viñas, Rafa Villarino, os e as socialistas tamén puxeron o foco en que unha das “grandes forzas transformadoras” da nosa sociedade reside no “forte municipalismo” dos e das socialistas.

O alcalde e candidato a reelección, José Luis González, asegurou que “o Partido Socialista fixo da eficacia a súa bandeira” neste concello ourensá, para que “cada investimento estea dedicado exclusivamente ás necesidades máis urxentes, sen a sombra do malgasto”. “A honestidade dun labor de goberno mídese na rendición dunhas contas claras. A honestidade non é só unha virtude: é que sen ela a xestión pública perde toda eficacia”, insistiu.

Antes de resaltar algunhas das principais propostas para o municipio para os próximos anos, José Luis González tamén destacou que “o crecemento de poboación en Amoeiro é un claro exemplo de que a chamada España baleirada pódese encher con intelixencia, xenerosidade e políticas públicas de desenvolvemento”.

O secretario provincial do PSdeG-PSOE e candidato en San Cibrao, Rafa Villarino, proclamou que “co partido socialista Amoeiro avanzou, coma ninguén, en igualdade, pois foi o primeiro de Galicia en ter o Programa Clara, e despois o Aurora”. “E tamén o fixo no eido medioambiental, sendo o único de Galicia que gañou o Premio Tragsa ao desenvolvemento sostible, que orixinou o Parque dos Sentidos, sen esquecer os logros millonarios na Ruta do Barbantiño, ou na do Formigueiro, que seguirá a medrar”, recordou.

Para o líder socialista, “o camiño está trazado”, e “con todo o respecto para os restantes partidos, darlle a confianza a eles sería volver atrás”, porque “ningún deles se nos pode comparar por historia, logros, ou capital humano”.

“Luís e o seu equipo entregáronse sen desmaio no tempo da Covid, sen deixar a ninguén illado e facendo sentir á xente que o concello estaba aí, aportando seguridade”, salientou Villarino, polo que “o municipio saíu da crise sanitaria e retornou a un novo tempo, puxante onde Amoeiro lidera o crecemento por servizos, proximidade humana e beleza”. “Sentir o voso alento nas urnas axuda a esforzarnos aínda máis, a ser mellores, a seguir a avanzar”, remachou.

O deputado no Congreso, Adolfo Pérez Abellás, destacou ao rexedor de Amoeiro como un “exemplo dunha excelente xestión nun concello, liderando un gran equipo de persoas, de socialistas comprometidos e comprometidas”, tras o que puxo de manifesto un carrusel de datos que amosan como o Goberno de España apoia as políticas municipais porque “o Partido Socialista é un partido cunha gran vocación municipalista”. Entre outras, salientou o amplo escudo económico desplegado contra a crise económica e sanitaria provocada pola pandemia, que recaeu directamente na veciñanza, nas empresas ou nas administracións locais, fronte a unha Xunta de Galicia con Feijóo e Rueda “á cabeza” practicando unicamente o “trilerismo”, denunciou.

Do ámbito estatal, Abellás destacou os “bos datos económicos” como o aumento da afiliación á Seguridade Social, a baixada do paro, o descenso da inflación, o aumento das exportacións e o descenso do déficit comercial, “cifras avaladas polos comisarios europeos ou o Banco de España”, o que anuncia “un forte aumento da economía do país, que crece por riba da media europea”.