A Deputación de Ourense resultou beneficiaria da concesión dunha subvención de 1.497.212,84 euros destinada á transformación dixital e modernización das administracións das entidades locais, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado polos fondos NextGeneration.
Dende a Área de Transparencia e Goberno Aberto da Deputación de Ourense distribuíuse unha circular a todos os concellos da provincia para expoñer a convocatoria de axudas destinadas á transformación dixital e modernización das administracións das entidades locais.
A proposta elaborada pola Deputación consta de tres proxectos: Oficina Única Universal Virtual de Atención á Cidadanía; DEPOURENSE-cloud e Grafo de coñecemento e espazo de datos. En cada unha destas tres iniciativas, todos os concellos que se interesaron neste proxecto poderán participar en igualdade de condicións.
O importe total da subvención será repartido entre estes tres proxectos, que pretenden impulsar a transformación dixital e modernización das administracións da entidades locais baixo as liñas estratéxicas dunha administración orientada ao cidadán, as operacións intelixentes e as infraestruturas dixitais.
> Liña estratéxica 1. Administración orientada ao cidadán.
Proxecto: Oficina Única – Universal Virtual de Atención á Cidadanía (OUVAC)
Resumo: O obxectivo da OUVAC é facilitar a realización de trámites a distancia entre cidadáns e administración, nos cales hai unha atención personalizada mediante videoconferencia por parte dun funcionario, que asiste ao cidadán para que poida completar o trámite de forma satisfactoria.
> Liña estratéxica 2. Operacións intelixentes
Proxecto: Grafo de coñecemento e o espazo de datos
Resumo: O proxecto ten como obxecto o despregamento dunha plataforma semántica baseada en Intelixencia Artificial que permita a creación dunha capa semántica que integre e enriqueza todos os recursos dixitais e o coñecemento xerado polas administracións e fágao accesible a través dun conxunto de servizos que respondan á estratexia de transparencia e bo goberno da Deputación de Ourense e dos propios Concellos. Trátase de servizos que a Deputación de Ourense facilitará aos Concellos participantes no proxecto, para que á súa vez estes poidan dar mellores servizos aos cidadáns.
> Liña estratéxica 3. Infraestruturas dixitais.
Proxecto: DEPOURENSE-cloud
Resumo: O presente proxecto está destinado á modernización e sustentabilidade das infraestruturas dixitais e a xestión de repositorios de información e servizos virtualizados na nube para a mellora da seguridade, sustentabilidade e resiliencia dos concellos de Ourense. Con este proxecto dotarase a todos os concellos dunha infraestrutura para a xestión de información que cumpra os estándares do Esquema Nacional de Seguridade, de obrigado cumprimento, así como de sistemas de copia de seguridade que permitan unha protección contra perda de información e ciberataques.