O BNG leva ao Parlamento galego as demandas de dignificación do sistema de xustiza gratuíta e a problemática da xubilación na avogacía e na procuradoría

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

O vindeiro Pleno do Parlamento de Galiza debaterá unha iniciativa do BNG que, recollendo as demandas de moitas e moitos profesionais, solicita a dignificación do sistema de xustiza gratuíta coa ampliación da cobertura da asistencia e o asesoramento que recibe a cidadanía

Ourense, 09 de xuño de 2023. O Grupo parlamentar do BNG no Pazo do Hórreo ven de rexistrar unha serie de iniciativas para o seu debate en Pleno e relativas á necesidade de dignificación do sistema de xustiza gratuíta coa ampliación da cobertura da asistencia e o asesoramento que recibe a cidadanía e para tentar solventar a problemática existente a día de hoxe no relativo á xubilación de avogadas, avogados, procuradores e procuradoras.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

E é que tal e como lembran os nacionalistas nunha das iniciativas, “a Carta dos Dereitos Fundamentais da Unión Europea recoñece o dereito fundamental da cidadanía á Tutela Xudicial Efectiva. Establecese expresamente que toda persoa ten dereito a que a súa causa sexa oída equitativa e publicamente e dentro dun prazo razoable por un xuíz independente e imparcial, establecido previamente pola lei”.

Asemade, “prevese a prestación dun servizo de asistencia xurídica gratuíta para quen non dispoña de recursos abondo, sempre e cando a devandita asistencia sexa necesaria para garantir a efectividade de acceso á xustiza. En termos esencialmente análogos o referido dereito á tutela xudicial efectiva ven recoñecido na Constitución Española de 1978”.

O deputado por Ourense e autor das iniciativas Iago Tabarés, deixa claro que, “no BNG consideramos necesario que o sistema se estenda ás actuacións de asesoramento, e tamén previas e necesarias para o acceso aos xulgados, que até agora non se contemplan”.

Ao tempo, Tabarés sinala a necesidade de que “se proceda a unha actualización das compensacións que perciben as profesionais da quenda de oficio, hoxe inferiores, en moitos casos, ás que tiñan recoñecidas en 2017, e que a Xunta de Galiza dote aos profesionais dun seguro de accidente e que cubra os desprazamentos necesarios para as asistencias”.

Igualmente, o BNG, tras reunírense con numerosos representantes dos colectivos afectados, presentou distintas iniciativas para que o Parlamento Galego debata e analice a problemática da xubilación de profesionais da avogacía e procuradoría, “pois constatamos numerosos casos de traballadoras que tras máis de 30 anos de cotización profesional a pensión de xubilación recoñecida é inferior a unha non contributiva”.

Con estas iniciativas, o BNG pretende poñer o foco e trasladar á Cámara galega, “unha problemática que está a provocar unha mobilización sen precedentes dentro da avogacía de Galiza e do Estado”.

O BNG lembra que “no ano 2005 prodúcese un cambio radical no sistema de recoñecemento da prestación de xubilación, pasando do sistema de capitalización colectiva, solidariedade interxeracional, ao de capitalización individual. A pensión de xubilación de cada traballadora pasa a depender única e exclusivamente das súas achegas”.

As reformas introducidas, tanto a alternatividade como a modificación do sistema de recoñecemento e devengo da prestación económica de xubilación, “provocou unha importante variación nas contías das prestacións esperables sen que, en moitos casos, existise opción real de cambio na cobertura” sinala Iago Tabarés.

“No caso de optar polo RETA logo dunha longa carreira de cotización na Mutualidade, non permitía o rescate das achegas realizadas, nen sequera para destinalas ao sistema de protección social alternativo, como tampouco se computaba o tempo a efectos do devengo da prestación de xubilación no sistema público”.

O BNG pretende coa iniciativa presentada que o Parlamento de Galiza inste o Goberno do Estado a realizar as actuacións e modificacións necesarias, en relación coas profesionais da avogacía e da procuradoría que teñen contratado coa mutualidade profesional o sistema de protección social alternativo ao RETA, co obxectivo de permitir a posibilidade, voluntaria e temporal, de trasladar ao RETA as cantidades cotizadas na Mutualidade profesional, computándose a efectos no devengo.

Do mesmo xeito, pretenden evitar a equiparación fiscal das cotizacións realizadas na Mutualidade cun plan de pensións complementario e mesmo mellorar as condicións da xubilación parcial dos profesionais da avogacía e da procuradoría.