O grupo provincial socialista obtén o compromiso da Deputación de Ourense para esixir da Xunta que asuma as súas obrigas coa financiación da axuda no fogar

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

“Os concellos que prestamos este servizo vemos en risco a nosa sustentabilidade ao ter que asumir unha competencia impropia que debería prestar directamente a Xunta de Galicia”, afirma Álvaro Vila.

Para Vila, “o a asistencia no fogar é un servizo capital en Ourense, cada vez é máis demandado, debendo os municipios asumir cargas que hipotecan o seu futuro económico”.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Tamén se aprobou unha iniciativa socialista para activar un programa de axudas aos gandeiros afectados pola Enfermidade Hemorráxica Epizoótica para paliar perdas e garantir a estabilidade do sector.

Ourense, 27 de setembro de 2024. O Grupo Provincial Socialista acadou o compromiso do pleno da Deputación de Ourense para esixir do goberno autonómico a “correcta asunción das súas competencias, que inclúen un financiamento acaído coa realidade do Servizo de Axuda no Fogar (SAF)”. Tal e como destacou o voceiro socialista, Álvaro Vila, “os concellos que prestamos este servizo vemos en risco a nosa sustentabilidade ao ter que asumir unha competencia impropia que debería prestar directamente a Xunta de Galicia”.

Para Vila, “o SAF é un servizo capital en Ourense, que cada vez é máis demandado debido ás particulares condicións sociodemográficas da nosa provincia, debendo os municipios asumir importantes cargas, que non cesan de aumentar e hipotecan o seu futuro económico”. “Hai pequenos concellos do noso rural para os cales o servizo deveu extremadamente oneroso, superando mesmo ao gasto en limpeza viaria e recollida do lixo”, dixo Vila.

Nalgúns municipios o SAF representa xa un de cada tres euros dispoñibles para gasto corrente, o cal se ve agravado coas novas disposicións que reducen o copagamento a asumir polos usuarios do servizo e que debe ser sufragado pola Administración. “Os socialistas non podemos quedarnos de brazos cruzados mentres a Xunta, que ten as competencias, mira cara outro lado, resultando en último termo prexudicadas as persoas dependentes”, sentenza o voceiro socialista.

Porén, co voto en contra do PP e a abstención de BNG e DO, a proposta socialista para que a Deputación asuma parte dos custos do SAF dos concellos de Ourense non saíu adiante. “Nos consideramos que mentres a Xunta non actúa, a Deputación ben podería contribuír ao mantemento e mellora dun servizo esencial para o benestar social da provincia”, considera o deputado socialista. A iniciativa socialista contemplaba a posta en marcha de liñas de financiación provincial para o SAF, a dotación de medios aos equipos de valoración de dependencia para reducir as listas de agarda e mellorar a prestación do servizo.

Axudas para o sector gandeiro

O pleno da Deputación de Ourense aprobou por unanimidade a proposta socialista para poñer en marcha un programa de axudas dirixidas aos gandeiros afectados pola Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE) “con vistas a paliar as perdas das explotacións e garantir a estabilidade do sector”. “Por mor da tardanza da Xunta en reaccionar e do limitado dos subsidios, que non cobren as perdas reais, a Deputación ten que actuar para dotar de garantías ás moitas familias que dependen da actividade neste ramo”, dixo a deputada socialista Marina Vaz.

Segundo Vaz, “os gandeiros apenas chegan a recibir a axuda dos servizos veterinarios públicos, que son nomeadamente escasos na provincia de Ourense, non contando tampouco cun laboratorio de sanidade animal, como si teñen o resto de provincias galegas”, exhortando á Deputación para que a Consellería de Medio Rural dispoña en Ourense alomenos dos mesmos recursos cos que contan o resto de provincias galegas.

A EHE está a provocar grandes perdas nas granxas de vacún de Ourense, nomeadamente por mor de consultas veterinarias, aplicación de medicamentos, traballos de desinfección, vacinas, mortes de animais adultos, abortos e descenso na rendibilidade das reses. “Entrementres, a Deputación ten que actuar porque está en xogo a propia supervivencia das explotacións, das que dependen tantos fogares na nosa provincia!”, conclúe Vaz.