Espazo Común reclama melloras nas infraestruturas e nos horarios dos servizos de transporte público para a veciñanza do Carballiño

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O grupo municipal de Espazo Común trasladará mañá ao pleno da Corporación do Carballiño unha moción na que solicita a construción dunha verdadeira Estación Intermodal para o transporte público de viaxeiros, utilizando o actual edificio de Renfe/ADIF e dotándoo de tódolos servizos. Ademais, propoñen “que se faga un replantexamento dos horarios dos trens e dos autobuses para que estes se adecúen ás necesidades dos veciños do Carballiño”.

Dende esta formación política lembran que “hai anos que xa se comezou coa denuncia da desaparición de liñas de tren e autobus que supuxo, na práctica, a imposibilidade de conexión directa con moitos destiños antes habituais. Hoxe é imposible ir dende O Carballiño a Vigo, por poñer só un exemplo”. Engaden que “despois foi o paulatino peche da estación de tren, deixándoa sen persoal e sendo a día de hoxe un edificio pantasma onde só unha máquina dispensadora de billetes atende aos viaxeiros”, e que, “polo camiño, unha reconversión de horarios de viaxe por estrada a Ourense que deixa sen atender as necesidades de moitos estudantes e pacientes do CHUO que teñen que estar na capital a primeira hora da mañá”.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Para o grupo de Espazo Común, “a decisión totalmente ilóxica tomada por PP e PSOE de construir o futuro Centro de Saúde no lugar que agora ocupa a estación de autobuses, levou á Xunta a propoñer a construción dunha Estación Intermodal. Unha idea que ata podería ser positiva. Xuntar os trens e os autobuses no mesmo espazo para crear combinacións de liñas que se complementaran e facilitaran o acceso aos veciños a un transporte público máis completo e de maior calidade. Pero desta volta non foi un eufemismo, foi un insulto. A Xunta despachounos con dúas marquesiñas que custaron 170.000 €. O Concello non foi quen de conseguir a utilización do edificio da estación para contar con servizos básicos (baño, cafetería, consignas..)”.

En consecuencia, apuntan que “así pois, hoxe, temos un pendello diante dun edificio que está case sempre pechado e hai que agardar o autobús á intemperie faga un sol de xustiza ou caian chuzos de punta”, e que “o último episodio desta serie de terror veu tamén dado polo que pouco que lle importa á Xunta de Galicia este pobo e pola incapacidade cómplice do goberno PPSOE”, en alusión ao peche das instalacións da estación de autobuses na avenida do Balneario, en cuxo exterior se habilitou un valado metálico para o estacionamento dos vehículos do transporte público que os viaxeiros deben esperar á intemperie.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------