Gonzalo Caballero rexeita o novo sistema de xestión da atención primaria: “Feijóo quere converter a sanidade pública galega nun call center”

O líder do PSdeG fai un “chamamento á sociedade galega para evitar que Feijóo siga debilitando a sanidade pública”

Publicidade

Na súa visita a Amoeiro, o secretario xeral reclama á Xunta “que cumpra co concello” construíndo, nesta lexislatura, unha escola infantil e un centro de día

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visitou hoxe Amoeiro en compañía do seu alcalde, José Luis González, para avaliar as necesidades da veciñanza deste municipio ourensán.

Dende alí, o máximo dirixente das e dos socialistas galegos censurou o novo sistema de xestión da atención primaria que vén de anunciar o goberno galego, polo que persoal de administración dos centros de saúde atende as chamadas e discrimina se corresponde unha atención médica telefónica ou presencial.

“A Xunta quere depositar a sanidade pública nun call center”, alertou Gonzalo Caballero, quen deixou claro que “non podemos permitir retrocesos” e “máis problemas para a sanidade pública galega”.

“O que Galicia necesita é unha aposta pola sanidade pública”, reivindicou o dirixente socialista, quen subliñou que “despois de 12 anos de debilitamento da sanidade pública, non podemos permitir que Feijóo siga danando o sistema” cando este atópase agora “moi presionado polas necesidades sanitarias froito da pandemia”. “Non podemos seguir nesta liña”, sentenciou.

Neste senso, Gonzalo Caballero lamentou que “o balance de Feijóo” sexa “debilitar a atención primaria e non fortalecer a contratación de persoal estable no Sergas” e uns servizos de urxencias “que están recibindo a moitos galegos e galegas que non poden ser atendidos no seu centro de saúde de xeito áxil e no día”.

Por iso, o secretario xeral fixo “un chamamento á sociedade galega e aos defensores da sanidade pública, para que non permitamos que Feijóo siga debilitando a sanidade pública e a atención primaria”. Ademais, instou a Feijóo a contratar máis profesionais. “Precisamos que saian 5.000 novas prazas estables ao longo da lexislatura e non permitir máis retrocesos”, concluíu.

UNHA ESCOLA INFANTIL E UN CENTRO DE DÍA PARA AMOEIRO

En canto ás necesidades do concello de Amoeiro, o líder do PSdeG respaldou as demandas do municipio, comezando pola escola infantil, nun momento no que en Galicia existe un “déficit” neste eido: “hai máis de 2.000 nenos e nenas galegas que quedaron sen praza este ano”.

Ademais, tamén reclamou ao goberno galego que constrúa un centro de día no municipio, xa que Amoeiro ten “moita xente maior que precisa vivir con dignidade”.

Con todo isto, o voceiro do PSdeG na Cámara galega anunciou que o Grupo Socialista esixirá no Parlamento que a Xunta constrúa, nesta lexislatura, tanto unha escola infantil como un centro de día en Amoeiro. “A Xunta ten que cumprir con Ameoiro”, sentenciou.

Ademais, reivindicou que “as políticas sociais son fundamentais para saír desta crise”, polo que incidiu en que a Xunta ten como obriga “protexer á poboación que estea nunha situación máis vulnerable”.

“QUEREMOS QUE A XUNTA MIRE POR AMOEIRO”

Pola súa banda, o alcalde de Amoeiro, José Luis González, incidiu na importancia de construír unha escola infantil que dea servizo ás familias máis novas e loitar así contra o despoboamento do rural galego.

Ao tempo, o rexedor destacou a necesidade de contar cun centro de día, xa que “temos 144 persoas maiores de 70 anos que viven soas” e o 33% da poboación de Amoeiro “está envellecida”.

“Para nós é primordial”, subliñou, logo de sinalar que o concello pon “a disposición da Xunta” un terreo de 3.500 metros cadrados “para o que queiran”. “Queremos que a Xunta mire por Amoeiro e que teñamos, dunha vez por todas, unha axuda do goberno galego”, concluíu.

A “MAGNÍFICA XESTIÓN” DA CORPORACIÓN LOCAL

Finalmente, o máximo responsable do socialismo galego enxalzou a “magnífica xestión” do alcalde de Amoeiro e dos membros do seu goberno ao longo da pandemia, nun momento de “enormes retos e dificultades para as entidades locais”.

“Deron o mellor de si mesmos”, valorou, nunha comparecencia coa presenza do secretario xeral provincial, Rafael Rodríguez Villarino, o deputado Juan Carlos Francisco e concelleiros e concelleiras de Amoeiro.