A Deputación de Ourense completa o protocolo de medidas de actuación contra o coronavirus

Reunión do comite de Seguimento da crise do “Colonavirus” na Deputación Ourense. Asisiten Manuel Baltar (Presidente Deputación); Rosendo Fernández (VicePresidente 1º); Armando Ojea Bouzo (VicePresidente 2º); Placido Álvarez Dobaño (VicePresidente 3º); Luz Doporto Real (Deputado PPOU); Pablo Pérez Pérez (Deputado PPOU) e Francisco Cacharro Gosende (Secretario Deputación Ourense).

O presidente Manuel Baltar asinou hoxe –logo da declaración do estado de alarma- unha nova resolución na que se mantén o peche ao público dos centros de traballo e a suspensión de actos públicos e da prestación de servizos culturais, deportivos e formativos. En canto ao persoal, establécense medidas de teletraballo

Hoxe constituíuse tamén o Comité de seguimento do coronavirus COVID-19, que celebrou a súa primeira reunión

AVANTAR ACTIVIDADES

A Deputación de Ourense vén de completar o protocolo de medidas de actuación contra o coronavirus. Neste sentido, o presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, asinou hoxe unha nova resolución –logo da declaración do estado de alarma- na que se mantén o peche ao público dos centros de traballo e a suspensión de actos públicos e da prestación de servizos culturais, deportivos e formativos. En canto ao persoal, establécense medidas de teletraballo. Tamén hoxe, constituíuse o Comité de seguimento do coronavirus COVID-19, que celebrou a súa primeira reunión.

O texto íntegro do decreto, que se publicará no Boletín Oficial da Provincia (BOP), na sede electrónica e na páxina web da Deputación de Ourense, é o seguinte:

Mediante resolución da Presidencia da Deputación Provincial de Ourense nº 2020/2081 de 13 de marzo de 2020 aprobouse o protocolo xeral de medidas preventivas en relación coa pandemia do COVID – 19 aplicables no sector público provincial.

Con esa mesma data, o Consello da Xunta de Galicia adoptou un acordo polo que se declarou a situación de emerxencia sanitaria en Galicia, activándose o Plan territorial de emerxencias de Galicia (PLATERGA) no seu nivel IG (DOG nº 50 bis de 13 de marzo de 2020).A este respecto, o acordo do Consello da Xunta veu ratificar as medidas de peche dos centros culturais, deportivos e formativos dependentes da Deputación Provincial xa acordada pola Presidencia na resolución citada.

Posteriormente, o Goberno da Nación, mediante Real Decreto 463/2020, de 14 de marzo, declarou o estado de alarma en todo o territorio nacional, adoptando unha serie de medidas para a prevención da propagación da pandemia no noso país, entre as que se atopan restricións á libre circulación das persoas (artigo 7 do Real Decreto) e medidas de contención nos ámbitos educativos e de formación (artigo 9) nos equipamentos culturais, deportivos e de ocio (artigo 10) así como de suspensión dos prazos administrativos (Disposición adicional 3ª) e de prescrición e caducidade (Disposición adicional 4ª).

Neste senso, as medidas adoptadas na resolución da Presidencia de 13 de marzo en canto ao peche ao público dos centros e actividades formativos, culturais e deportivos do sector público provincial víronse, unha vez máis, ratificadas materialmente pola declaración de estado de alarma. Doutra banda, e aínda que o Decreto de estado de alarma non contempla o peche ao público dos centros de traballo da Deputación, a suspensión das sesións de órganos colexiados e o resto de medidas adoptadas na resolución da Presidencia quedaron en todo caso  formalmente ratificadas pola Disposición Final 1ª do Real Decreto 463/2020, tendo amparo legal, en todo caso, no artigo 6 do dito Real Decreto, conforme ao que “cada Administración conservará las competencias que le otorga la legislación vigente en la gestión ordinaria de sus servicios para adoptar las medidas que estime necesarias en el marco de las órdenes directas de la autoridad competente a los efectos del estado de alarma y sin perjuicio de lo establecido en los artículos 4 y 5”, é dicir, do necesario sometemento á ordes da autoridade nacional competente para xestionar o estado de alarma.

Con data 15 de marzo de 2020, o Centro de Coordinación Operativa da Xunta de Galicia (CECOP) adoptou medidas preventivas nos centros de traballo do sector público autonómico, establecendo o teletraballo como fórmula xeneralizada de prestación dos seus servizos polo empregados públicos e limitando a prestación presencial ás funcións de carácter esencial.

Á vista da evolución dos acontecementos, e previa a consulta coa Xunta de Goberno da Deputación Provincial, o goberno provincial considera que debe procederse á actualización do protocolo aprobado o 13 de marzo, substituíndoo por un novo protocolo que afonde no alcance das medidas adoptadas, en liña coas recomendacións formuladas polas autoridades sanitarias e coas medidas adoptadas polo CECOP para o persoal do sector público autonómico, procurando, na medida do posible, a máxima limitación nos movementos das persoas e a redución dos contactos presenciais.

A competencia para a adopción das medidas preventivas corresponde á Presidencia, no exercicio das atribucións que lle confire o artigo 34, apartados a), d), e) e h) da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases do réxime local.

Polo exposto, DISPOÑO:

            1º) Deixar sen efecto a resolución da Presidencia da Deputación Provincial de Ourense nº 2020/2081 de 13 de marzo de 2020 pola que se aprobou o protocolo xeral de medidas preventivas en relación coa pandemia do COVID – 19 aplicables no sector público provincial, que queda substituída pola presente resolución, na que se aproba un novo protocolo co seguinte contido:

I.-Obxecto

O presente protocolo establece as medidas a adoptar con carácter xeral para a prevención da propagación do coroavirus COVID 19 nos centros de traballo da Deputación Provincial de Ourense, do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (INORDE), no Consorcio Provincial de Ourense do Servizo Contra Incendios e de Salvamento (Consorcio CIS) e no Consorcio de Augas de Valdeorras. As persoas responsables dos distintos centros de traballo, servizos ou unidades administrativas adoptarán as medidas previstas no presente protocolo de forma inmediata e coordinada.

A coordinación e execución das medidas previstas no presente protocolo no ámbito concreto da Deputación Provincial corresponderá ao deputado – delegado de Administración Provincial, co que se resolverá de forma directa calquera dúbida ou aclaración precisa para a súa aplicación.

No caso do INORDE, do Consorcio CIS e do Consorcio de Augas de Valdeorras, a coordinación e execución das medidas corresponderá aos presidentes dos ditos organismos.

II. Comisión de Seguimento do COVID – 19 no Sector Público Provincial

Créase unha Comisión de Seguimento do COVID – 19 no Sector Público Provincial, nos seguintes termos:

            a) Composición:

            Presidente: o presidente da Deputación Provincial de Ourense, que poderá ser substituído polos vicepresidentes, conforme á súa orde de prelación.

            Vogais:

            O deputado – delegado de Administración Provincial

            O presidente do INORDE e deputado delegado de Facenda

            O deputado – delegado de Cooperación Provincial e presidente do Consorcio Provincial do Servizo Contra Incendios e de Salvamento e do Consorcio de Augas de Valdeorras

            O vicepresidente 2º da Deputación Provincial

            A deputada – delegada de Reto Demográfico, Igualdade e Políticas Sociais.

            Secretario: o secretario xeral da Deputación Provincial, ou funcionario que legalmente o substitúa. 

            b) Funcións:

O Comité de Seguimento terá a condición de órgano deliberante, tendo como función principal o asesoramento á Presidencia para a adopción das medidas a adoptar como consecuencia da pandemia do COVID – 19, incluída a actualización do presente protocolo, cando proceda, facilitando a posta en común da información dispoñible dos diferentes centro de traballo e servizos dependentes da Deputación Provincial e dos seus entes públicos dependentes ou adscritos, garantindo a axeitada coordinación na xestión e execución das medidas que se adopten e facilitando a avaliación e seguimento conxunto da súa efectividade.

            c) Réxime de funcionamento: aplicarase ao Comité de Seguimento as normas de funcionamento propias da Xunta de Goberno, na medida en que sexan compatibles coa súa natureza de órgano deliberante.

En todo caso, o Comité de Seguimento poderá reunirse e realizar as súas sesións mediante videoconferencia.

III. Peche ao público dos centros de traballo. Suspensión de actos públicos e da prestación de servizos culturais, deportivos e formativos

3.A. A totalidade dos centros de traballo dependentes da Deputación Provincial de Ourense, INORDE, Consorcio CIS e Consorcio de Augas de Valdeorras permanecerán pechados ao público con carácter xeral ata o 1 de abril de 2020. En consecuencia, non se permitirá o acceso das persoas que non teñan a condición de cargos electos ou empregados públicos provinciais, agás nos casos excepcionais nos que se conceda cita previa para a atención dos cidadáns.

3.B. En consecuencia, os servizos culturais, deportivos e de formación de todo tipo, que se prestan de forma presencial ás persoas, incluíndo o uso de instalacións deportivas e a visita a establecementos ou centros culturais ou formativos, quedan suspendidos na súa prestación ata o 1 de abril de 2020.

Esta medida afecta aos servizos prestados pola Sección de Formación da Deputación, Pazo dos Deportes Paco Paz, Teatro Principal, Centro Cultural Provincial Marcos Valcárcel, Centro de Interpretación da Vida Monástica da Ribeira Sacra, Museo Galego do Entroido, Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, Escola Provincial de Gaitas, Museo Internacional da Cornamusa, Escola de Artes e Oficios e Pazo de Vilamarín.

Igualmente, quedan suspendidos todos os actos e eventos de carácter público promovidos ou organizados pola Deputación Provincial, manténdose unicamente as roldas de prensa dos membros do goberno provincial que sexan necesarias para dar traslado á cidadanía da información que se considere relevante, e que se realizarán, en todo caso, mediante a súa retransmisión a través da Internet.

3.C. No caso dos servizos obxecto de suspensión gravados con taxas ou prezos públicos, a Deputación Provincial procederá de oficio á devolución aos interesados dos importes correspondentes aos servizos xa pagados que non teñan sido obxecto de prestación como consecuencia da súa suspensión.

IV. Mantemento do resto de servizos públicos dependentes da Deputación Provincial e dos seus organismos e entidades dependentes ou adscritos

Durante a vixencia do estado de alarma, a Deputación Provincial e os seus entes dependentes ou adscritos garantirán a continuidade e a adecuada prestación dos servizos públicos do sector provincial non incluídos no apartado 3, e en particular dos seguintes:

            a) O servizo intermunicipal de recollida de residuos municipais

            b) O servizo de puntos limpos, sen prexuízo da prohibición de acceso aos recintos para os cidadáns. Para este efectos, os cidadáns que teñan que entregar residuos voluminosos depositarán estes no acceso aos puntos limpos, sendo posteriormente introducidos no recinto polo persoal do servizo.

            c) O servizo de transferencia de residuos municipais

            d) Os servizos de limpeza viaria nos municipios de Viana do Bolo e Carballeda de Valdeorras

            e) Os servizos de abastecemento de augas, saneamento e depuración e alumeado público no municipio dos Blancos.

            f) A rede de centros de recollida de animais abandonados. Non obstante, a recepción e entrega de animais nos centros por parte dios cidadáns quedan suspendida, agás en casos de forza maior.

            g) A asistencia aos municipios, en xeral, e en particular para a xestión dos servizos relacionados co ciclo hidráulico, que continuará a prestarse a través da empresa mixta Aquaourense, S.A.

            h) As actuacións urxentes de vixilancia, conservación e mantemento das estradas provinciais e da rede viaria municipal dos Blancos, en particular a actuación nas posibles incidencias que poidan xurdir na rede.

            i) O servizo de teleasistencia domiciliaria.

            j) O servizo de abastecemento e saneamento en O Barco de Valdeorras, así como o servizo de depuración de augas residuais na comarca de Valdeorras, dependente do Consorcio de Augas de Valdeorras.

            k) O servizo de intervención en emerxencias, dependente do Consorcio CIS. 

            l) As granxas e explotacións agropecuarias da Deputación Provincial e do INORDE

            m) O Instituto de Desenvolvemento Agro – Gandeiro de Xinzo de Limia, dependente do INORDE.

            n) O Boletín Oficial da Provincia, manténdose a súa publicación electrónica. 

O resto de servizos non indicados na relación anterior quedan temporalmente suspendidos ata o 1 de abril de 2020.

En todo caso, a prestación dos servizos realizarase adoptando todas as medidas precautorias posibles, seguindo as recomendacións das autoridades sanitarias e evitando ao máximo o contacto entre as persoas, conforme ás instrucións que impartan os xefes das respectivas unidades, baixo a coordinación do deputado – delegado de Administración Provincial ou dos presidentes dos organismos dependentes ou adscritos.

V. Prestación dos servizos administrativos xerais

Os servizos de carácter administrativo continuarán a prestarse aos cidadáns, se ben de forma non presencial, utilizando os medios telefónicos e telemáticos dispoñibles. A tal efecto, os interesados poderán tramitar as súas solicitudes e realizar as actuacións que resulten necesarias nos seus expedientes a través da sede electrónica da Deputación Provincial de Ourense.

No caso de que os cidadáns carezan de medios para realización on – line dos trámites, atenderáselles mediante correo electrónico ou telefonicamente, nos seguintes termos:

            a) Con carácter preferente, os cidadáns poderán remitir un correo electrónico indicando o trámite que desexen realizar. Os servizos provinciais poranse en contacto cos

interesados o antes posibles, e facilitará as instrucións a seguir para a realización dos trámites.

            Na medida en que sexa legalmente posible, se facilitará a presentación de documentación mediante correo electrónico, realizándose a presentación no Rexistro Electrónico polos propios empregados públicos.

            b) En caso de non dispoñer de correo electrónico, os cidadáns poderán formular as súas consultas de forma telefónica. Prégase que a utilización desta vías se restrinxa aos casos nos que sexa estritamente necesario, con fin de evitar o colapso das liñas telefónicas provinciais.

            Para a remisión do correo electrónico ou a consulta telefónica empregaranse as direccións de correo e teléfonos dos distintos servizos, dispoñibles na web da Deputación.           Excepcionalmente, naqueles casos en que non sexa posible a tramitación on – line do asunto de que se trate e este teña carácter urxente, poderá atenderse de forma presencial aos interesados, previa cita que se comunicará de forma telefónica ou mediante correo electrónico, e coa adopción das medidas precautorias oportunas.

VI. Réxime de asistencia ao traballo dos empregados públicos provinciais

1. Durante o estado de alarma, os empregados públicos provinciais quedan suxeitos ao seguinte réxime especial de asistencia aos centros de traballo.

            a) Os empregados públicos que presten os seus servizos nos centros aos que se refire o apartado III quedan eximidos temporalmente da obriga de asistir aos centros de traballo, debendo en todo caso estar localizables por vía telefónica nos seus domicilios.

            Exceptúase do anterior o persoal encargado da vixilancia e mantemento dos centros de traballo, que deberá asistir de forma presencial para a realización das súas funcións, e o persoal das unidades administrativas deses centros, que prestará os seus servizos en réxime de teletraballo, conforme ao previsto no apartado e).  

            Co fin de minimizar os desprazamentos e contactos persoais, os xefes dos centros respectivos establecerán quendas de asistencia ao centro de traballo,

            b) Os empregados públicos que presten os seus servizos nos centros de traballo dos servizos públicos aos que se refire o apartado IV, deberán concorrer ao seu posto de traballo de forma presencial.

            c) O persoal de servizos do Pazo Provincial e do resto de edificios administrativos provinciais – ordenanzas, telefonistas, persoal de limpeza, vixilancia ou mantemento – asistirán de forma presencial aos seus postos de traballo mediante as quendas que se establezan.

            En todos os casos sinalados nos apartados a), b) e c), as quendas de asistencia estableceranse procurando que a asistencia presencial se aplique ao menor número de empregados que sexa posible. As ditas quendas de asistencia comunicaranse aos empregados públicos á maior brevidade posible, publicándose, en todo caso, na sede electrónica da Deputación.  

            d) O persoal do Servizo de Administración Electrónica, os directores de área e os xefes de servizo deberán acudir de forma presencial ao seu centro de traballo, ata tanto non se complete o proceso de implantación efectiva do teletraballo previsto no apartado seguinte. Adicionalmente, poderá acordarse que asistan de forma presencial os empregados públicos cuxa presencia resulte indispensable para garantir o adecuado funcionamento dos servizos.

            e) O resto do persoal permanecerá nos seus domicilios durante o estado de alarma, debendo prestar os seus servizos na modalidade de teletraballo, na medida en que sexa posible, e debendo en todo caso estar localizable telefonicamente para o suposto de que os seus servizos sexan requiridos

            2. A implantación do teletraballo realizarase de forma progresiva, coordinada pola Área de Transparencia e Goberno Aberto, coas direccións de área e xefaturas de servizo, nos seguintes termos:  

            a) A implantación efectiva do teletraballo esixirá que o empregado afectado dispoña no seu domicilio de conexión a Internet e dos medios necesarios para o desenvolvemento das súas tarefas. Para estes efectos, os empregados públicos que dispoñan de equipos móbiles oficiais quedan autorizados a trasladalos aos seus domicilios. Noutro caso, deberán utilizar os seus dispositivos ou equipos particulares.

            No caso de que os empregados públicos nos dispoñan dos medios indicados, quedarán eximidos do teletraballo e da asistencia presencial aos seus postos durante o estado de alarma, sen prexuízo do deber de localización telefónica.

            b) A instalación dos programas e aplicacións necesarias nos equipos dos empregados públicos realizarase de forma remota, sen necesidade de que estes se despracen ao centro de traballo. A tal efecto, os funcionarios do servizo de Administración Electrónica se poñerán en contacto cos empregados públicos afectados mediante teléfono ou correo electrónico.

            c) O empregado público realizará o teletraballo no horario ordinario, sen prexuízo das adaptacións que poidan establecerse en casos concretos por motivos de conciliación da vida laboral e familiar.

            3. Sen prexuízo do anterior, no supostos en que se mantén a obriga de asistencia presencial ao posto de traballo, os empregados públicos provinciais que o soliciten poderán obter un permiso para o cumprimento de deberes relacionados coa conciliación da vida familiar e laboral, polo tempo indispensable, nos termos previstos no artigo 117 do lei do Emprego Público de Galicia. En particular, esta medida aplicarase aos empregados provinciais que teñan ao seu cargo menores ou maiores dependentes que se vexan afectados polos peches de centros educativos e de maiores. Non obstante, non poderán concederse estes permisos de forma simultánea no caso no que os proxenitores ou responsables do maior dependente teñan a condición de empregados públicos.

            Igualmente, aplicarase esta medida, previa solicitude dos interesados, aos empregados públicos que pertenzan a grupos de alto risco ou  padezan patoloxías crónicas ou teñan familiares cos que convivan que se atopen nesas situacións.

            As solicitudes poderán presentarse a través do rexistro electrónico ou mediante correo electrónico dirixido a persoal@depourense.es podendo concederse con efecto retroactivo á data de 16 de marzo de 2020. 

            4. Os empregados públicos que sospeiten que poidan estar infectados polo coroavirus COVID – 19 non deberán acudir en ningún caso aos centros de traballo, comunicándoo de forma telefónica ou mediante correo electrónico, e deberán contactar coas autoridades sanitarias para os efectos de realizar as probas diagnósticas que procedan.

            5. Evitaranse na medida do posible as reunións de traballo, utilizándose preferentemente sistemas de videoconferencia.

            6. A realización de viaxes de traballo queda prohibida con carácter xeral, e esixirá autorización previa do deputado delegado de administración provincial ou dos presidentes dos organismos dependentes ou adscritos.

VII. Medidas en relación cos órganos colexiados e cargos electos:

            Queda suspendida no mes de marzo a realización de sesións dos órganos colexiados da Deputación, coa excepción da Xunta de Goberno e da Comisión de Seguimento da crise do COVID – 19, que en todo caso reunirase nos supostos que resulten imprescindibles.

            Os deputados provinciais, así como o persoal dos seus grupos políticos, procurarán realizar as súas xestión e actividades de forma telemática ou telefónica, podendo solicitar a asistencia que precisen da Área de Transparencia e Goberno Aberto.

VIII. Paralización dos prazos de carácter preclusivo nos procedementos administrativos

            1. Con carácter xeral, e nos termos previstos na Disposición Adicional 3ª da Real Decreto 463/2020 de 14 de marzo, quedan paralizados os prazos de carácter preclusivo dos diferentes procedementos administrativos en curso. Sen prexuízo do anterior, o órgano competente para a súa tramitación e resolución poderá acordar mediante resolución motivada, as medidas de ordenación e instrución estritamente necesarias para evitar prexuízos graves nos dereitos e intereses dos interesados no procedemento, sempre que estes manifesten a súa conformidade, ou cando o interesado manifeste a súa conformidade con que non se suspenda o prazo.

            2. En particular nos procedementos de xestión tributaria e recadación en curso, aplicaranse as seguintes regras:

            a) No caso dos tributos emitidos que estean en período voluntario de pagamento, o prazo de pagamento entenderase suspendido durante o período no que dure o estado de alarma, sen prexuízo de que os contribuíntes poidan seguir realizando pagos durante o dito período.

            b) Durante a vixencia do estado de alarma non se iniciará o período de pagamento voluntario de ningún tributo.

            c)  Durante a vixencia do estado de alarma, quedarán suspendidos os procedementos de recadación en vía executiva, e non se procederá á iniciación de novos procedementos deste tipo.

IX. Outras medidas

            1. Queda suspendida a realización de probas selectivas de persoal.

            2. Dotarase de puntos de hixienización o acceso a tódolos centros de traballo.

            3. Dotarase de dispensadores automáticos de xabón e desinfectantes en tódolos aseos, e de líquido antiséptico en tódalas dependencias.

            4. Colocaranse paneis informativos nos aseos, vestiarios e puntos de acceso, indicando a técnica correcta de lavado de mans.

            5. A empresa prestadora do servizo de limpeza extremará as tarefas de desinfección, aplicando un desinfectante nos pomos das portas e sistemas de apertura de fiestras, nos marcos das portas e nas billas e instalacións sanitarias, cunha frecuencia de dúas horas durante a xornada laboral.

            6. O persoal empregará os equipos de protección individual necesarios, seguindo as instrucións do Gabinete de Prevención de Riscos Laborais para o efecto.

            7. Aplicaranse de forma automática e sempre que sexa posible as recomendacións das autoridades sanitarias, así como as instrucións que poida ditar a autoridade competente para a xestión da situación de emerxencia sanitaria e do estado de alarma.

            2º) Ordenar a publicación deste protocolo no Boletín Oficial da Provincia e na sede electrónica da Deputación Provincial, así como a súa difusión nos medios de comunicación social da provincia.