Manuel Baltar renuncia a seguir presidindo a Deputación de Ourense

O ata agora presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, anunciou que renuncia á acta de concelleiro no concello de Esgos e, polo tanto, non optará a seguir presidindo a institución provincial, cargo que ocupaba desde Febreiro de 2012.

“Ante a inminente constitución das corporacións locais da provincia de Ourense, e como presidente do partido político que gañou as eleccións a nivel provincial, traballo para conformar gobernos populares solventes ao longo de todo o territorio. 

AVANTAR ACTIVIDADES

Neste sentido, tamén traballo para facilitar que a Deputación provincial teña un presidente ou presidenta do Partido Popular, a única formación política que concorreu ás eleccións do 28 de maio cun proxecto provincial a desenvolver para seguir impulsando Ourense.

Non hai interese maior que o interese xeral da provincia. Por iso, a configuración das corporacións locais non é unha cuestión de nomes senón de siglas e de proxectos. A política é responsabilidade e é estabilidade. 

Descarto formar parte da próxima corporación provincial. Non tomarei posesión da miña acta como concelleiro de Esgos. Este paso non diminúe, en absoluto, o meu compromiso por Ourense. Como presidente provincial do PPdeOU seguirei loitando coma sempre polo futuro desta provincia, co inminente reto de contribuír á chegada do ourensán Alberto Núñez Feijóo á presidencia de España”.