As inscricións para participar na I Andaina Pola Serra de Silva Escura, que se celebrará o próximo sábado, día 24 de xuño, nunha ruta circular con saída e chegada na capela de San Paio dos Pitos (Ramirás) xa se poden realizar chamando ao teléfono 988 68 84 68 ou no Administración Gastro-bar de Celanova.
A inscrición é gratuíta e permanecerá aberta até o xoves día 22 de xuño, dous días antes da camiñada.
A andaina comezará ás 9 horas da mañá do sábado 24 na capela de San Paios dos Pitos. Serán 10,5 quilómetros por camiños e pistas de dificultade moderada nunha ruta circular en sentido oeste-leste ao redor da serra.
A primeira parte é a que presenta maior desnivel até o alto da Moura (939 metros). Serán tres quilómetros polo vello camiño dos carros que xa preto da cima pasa xunto a Pena das Verrugas. Desde o alto, comeza o percorrido cara o norte nun tramo de lixeira baixada con vistas ao Val do Deva até o Miradoiro do Pao, xusto na metade do traxecto. O tramo final levará aos camiñantes cara o leste entre bosques e corgas para chegar primeiro á capela de Santo Adrián e, finalmente, á de San Paio.
Hai fontes no quilómetro 2,5 (nun miradoiro do camiño vello) e no quilómetro 8 (na capela de Santo Adrián). Recoméndase tamén levar calzado de montaña.