O Paco Paz acollerá ao longo do mes de xullo escolas de verán deportivas para rapaces de 4 a 14 anos

O Pazo dos Deportes Paco Paz acollerá ao longo do mes de xullo as Escolas de Verán “depOUrtivas”, un programa de conciliación deseñado para rapaces de entre 4 a 14 anos organizado pola Deputación de Ourense e Ociosaugal. 

O vicepresidente primeiro, Rosendo Fernández; o asesor de Deportes da Deputación, Bernardino González; e a representante de Ociosaugal, Sara Pato; mantiveron esta mañá un encontro no Pazo Provincial para abordar os detalles dun proxecto que se desenvolverá en tres quendas -do 10 ao 14 de xullo; do 17 ao 21 de xullo; e do 24 ao 29 de xullo- de 09,00 a 14 horas. Este horario poderase ampliar solicitando a opción para madrugadores -de 08 a 09,00 horas- e con xantar -de 14,00 a 15,00 horas- .

AVANTAR ACTIVIDADES

Grupos e actividades

Os nenos participantes en cada quenda dividiranse en grupos atendendo ás idades, co obxectivo de adaptar as actividades aos rapaces e ás súas propias preferencias. 

As actividades das escolas deportivas abranguerán diferentes tipos. Dentro da temática deportiva, por exemplo, os rapaces practicarán deportes como o atletismo, o fútbol, o baloncesto, o tiro con arco, o lanzamento de xavelina ou o hockey. Tamén se practicarán outros deportes que fomenten a inclusión e a participación de todos, poñendo o énfase nos valores de respecto, empatía e o compañeirismo. 

Ademais, os monitores e os rapaces poderán desenvolver actividades con temáticas culturais e proxectos transversais arredor da igualdade ou a reciclaxe,

Os nenos que asistan ao servizo de madrugadores -de 08 a 09,00 horas- contarán á súa disposición con diferentes espazos arredor da lectura, as manualidades ou os xogos de mesa. 

Información de inscrición

O prezo por rapaz é de 25 euros por semana na modalidade básica -de 09 a 14,00 horas, con opción de comezar ás 08,00 horas-, e de 60 euros por semana na modalidade básica + comedor. 

O prazo de inscrición nas Escolas de Verán deportivas a está aberto. Para formalizar a matrícula deberá entregar a ficha de inscrición e o xustificante de pago no enderezo electrónico: deportes@depourense.es ou na recepción do Pazo dos Deportes Paco Paz, adxudicaranse as prazas por orde de chegada.

Máis información na web www.deportesdepourense.es e no teléfono 988 317 900.