A Xunta pon en valor na Festa de exaltación do Pan de Cea o seu modelo artesanal de elaboración e a súa vinculación cunha tradición ancestral

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, asistiu ao evento que enxalza este produto, amparado por unha indicación xeográfica protexida

No 2022 este pan acadou unha produción certificada de case 389 toneladas, xerando un valor económico estimado lixeiramente superior ao millón de euros

AVANTAR ACTIVIDADES

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, asistiu hoxe á XXX Festa de exaltación do Pan de Cea, que ten lugar no campo da Saleta da localidade ourensá de San Cristovo de Cea. Na celebración, Cabarcos -que estivo acompañado polo alcalde, José Luis Valladares- puxo en valor este produto, amparado por unha indicación xeográfica protexida (IXP) e que o pasado ano acadou unha produción certificada de case 389 toneladas, xerando un valor económico estimado lixeiramente superior ao millón de euros. Nesa liña, o director lembrou que o Pan de Cea conta co selo de calidade diferenciada desde 2004, o que lle permitiu que sexa recoñecido en toda Galicia e mesmo se comercialice en puntos de fóra da nosa comunidade.

A área de elaboración do pan amparado por esta IXP é o termo municipal de San Cristovo de Cea e, segundo destacou o director da Axencia, a súa produción segue un modelo artesanal, vinculado á tradición. Así, o de Cea defínese como o pan que se elabora con fariña de trigo, con adición de auga potable e sal comestible, ao que se lle engade, para a súa fermentación, masa nai procedente dunha elaboración anterior. O amasado realízase en varias etapas, seguindo as técnicas ancestrais da zona. Por último, a masa cócese en fornos de pedra granítica de deseño característico do lugar que son previamente quentados con leña.

Estes pans presentan unha forma alongada e arredondada nos extremos, cunha fenda transversal característica no centro da súa parte superior que divide o pan en dúas partes iguais alombadas e ensambladas. A codia é grosa e de espesor variable, incluso nunha mesma peza, oscilando aproximadamente entre 0,5 e 1 cm, cunha consistencia dura e ríxida, con rotura triscante e con tendencia a facer láminas, cor dende dourada a castaño escura e sabor a tostado. A miga ten textura esponxosa, fibrosa e firme, con alveolado non moi abundante, distribuído de xeito irregular e de tamaño moi variable, cor apergamiñado e sabor intenso a trigo.

Festa de interese turístico

Os asistentes a este evento -declarado festa de Galicia de interese turístico- poderán degustar este exquisito pan e visitar os expositores de produtos gastronómicos con selo de calidade. Ademais, na xornada previa celebrouse tamén a Ruta dos Fornos, un percorrido gastronómico polos antigos fornos do pan de Cea.