“Está claro que nin o alcalde nin o seu Goberno teñen unha proposta estratéxica para o turismo na cidade nun momento tan importante como é o actual e todo o verán por diante”, afirmou o concelleiro José Ángel Vázquez Barquero
Semella que o único que se lle ocorre é desmantelar a oficina de turismo e introducila nun edificio nobre que ten que servir para ofrecer outro tipo de recursos á cidadanía”, engadiu
Ourense, 13 de xullo de 2022. O grupo municipal socialista critica a nova idea que Gonzalo Pérez Jácome tivo de pechar a oficina de turismo que existe na cidade para trasladar as súas dependencias ao interior da Casa Consistorial co pretexto de que, deste xeito, o Salón de Plenos podería recibir máis visitantes.
“Está claro que nin o alcalde nin o seu Goberno teñen unha proposta estratéxica para o turismo na cidade nun momento tan importante como é o actual, coa chegada da Alta Velocidade a Ourense, e todo o verán por diante. Semella que o único que se lle ocorre é desmantelar a oficina de turismo e introducila nun edificio nobre que ten que servir para ofrecer outro tipo de recursos á cidadanía”, sinalou o concelleiro José Ángel Vázquez Barquero.
Nesta liña, incidíu en que o rexedor, nos últimos tempos, “baleirou de contido administrativo o Concello para expulsar aos vecinos e veciñas e que non o molesten coas súas queixas”. Unha situación que desde o grupo municipal cualifican como “perversa”, “frívola” e sen sentido. Un anuncio máis dos que proclama por redes sociais sen analizar cales serían as consecuencias no caso de poñer en práctica as súas ideas.
“Se o que se pretende é potenciar o patrimonio arquitectónico do edificio consistorial poderían organizarse visitas guiadas ao Salón de Plenos e promocionalas desde a propia oficina de turismo”, finalizou explicando o concelleiro.
Por outra banda, desde o PSdeG-PSOE de Ourense recordan que a oficina de turismo da Ponte Romana continúa pechada e que reclamaron a súa reapertura á Xunta de Galicia hai máis dun ano pero que o espazo continúa sen abrir ao público nun punto estratéxico
privilexiado polo gran número de visitantes que se achegan ata alí. Así mesmo, instan ao Goberno autonómico do PP a revalorizar a área nunha das zonas máis emblemáticas da terceira cidade de Galicia.
Consideran os e as socialistas que esta situación non é máis que un símbolo do empobrecemento termal, cultural e turístico que padece Ourense.