Marina Ortega responsabiliza á Xunta dunha “decisión política” pola “omisión do deber de darlle unha solución de calado a persoas con problemas mentais graves”
Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2023. A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Marina Ortega, alertou hoxe da “grave irresponsabilidade” que está a cometer o goberno galego ao ingresar a enfermos psiquiátricos graves nos centros residenciais de maiores. Ortega presentou unha proposta na Comisión de Sanidade para esixirlle á Xunta que pare con esta práctica prexudicial tanto para os maiores como para os enfermos psiquiátricos, pero o PP votou en contra.
A responsable socialista apuntou á “desorganización especialmente grave” das consellerías de Sanidade e de Política Social derivada da “ausencia de planificación e falla de recursos ou descoñecemento” que está a poñer en risco a integridade física e mental tanto as persoas maiores como dos enfermos. Sinalou que “non é unha decisión técnica, é unha decisión desesperada pola falla de recursos” por parte das traballadoras sociais e as psicólogas.
Denunciou que o goberno galego está a tomar unha “decisión política” pola “omisión do deber de darlle solucións de calado a persoas con problemas de enfermidades mentais graves”, obrigando a normalizar o ingreso de pacientes nas residencias, cando se trata dun mecanismo excepcional habilitado para casos de desamparo. “Non pode ser en ningún caso norma que persoas con patoloxía psiquiátrica entren en convivencia con persoas maiores nos centros residenciais”.
Considera que esta práctica constitúe un “disparate” provocado pola falla de recursos e por un baleiro asistencial para as persoas con patoloxías psiquiátricas graves, xa que alertou de que as residencias de maiores “non están dotadas nin de persoal nin de recursos para atender estes casos”.
Marina Ortega esixiulle ao goberno galego que derive estes pacientes cara á atención integral e sanitaria que realmente precisan, que reforce o persoal especializado na atención ás persoas maiores e incremente o número de prazas públicas e atención residencial para persoas con discapacidade. Tamén reclamou un informe oficial no que detalle o número de prazas residenciais ocupadas por persoas menores de 65 anos con patoloxías psiquiátricas.