Coa inxente cantidade de asuntos urxentes a tratar de vital importancia para o futuro do pobo, non é comprensible esta decisión.
En total, serán catro meses sen pleno ordinario, algo que tamén vulnera a legalidade.
O Carballiño, 19 de xullo de 2023.
Segue adiante a pinza entre PSOE e PP no Concello do Carballiño tomando acordos que son moi difíciles de explicar e dos que saen claramente perxudicados os veciños.
Primeiro foi a decisión de permitir que Fumega seguirá de alcalde con tan só 6 concelleiros, nunha decisión sen igual en toda Galicia.
Despois foi a de apoiar con excusas máis ca peregrinas unha inxustificable suba de soldo para o grupo de goberno.
E para seguir coa dinámica, entrambos partidos e a pesares das reticencias do voceiro de Espazo Común, acordaron obviar o acordo previo de que houbera sesión plenaria o 27 de xullo.
Así pois, no Concello do Carballiño non haberá pleno ordinario entre o 2 de maio e o 31 de agosto. Catro meses completos sen sesións nas que a oposición poida presentar propostas, sen que se poidan facer rogos e preguntas, sen permitir a participación cidadá etc..
Tendo enriba da mesa cuestións urxentes coma as do Centro de Saúde, a problemática do Asilo, as axudas para os libros de texto, as eivas no servizo de conciliación e outras moitas, non é comprensible que a pinza PSOE-PP actúe para impedir que a democracia municipal funcione con eficacia.
Dende Espazo Común, demandamos ao grupo de goberno de 11 concelleiros que rectifiquen esta decisión e se convoque o pleno correspondente a este mes de xullo como sempre sucedeu.