Desde a formanción nacionalista anuncian que rexistrarán unha pregunta para o Pleno de agosto e previsto para o martes día 1 na que solicitan información ao Goberno de Jácome en relación á situación na que queda o contrato logo do encarcelamento do actual adxudicatario da concesión
Ourense, 20 de xullo de 2023. Xa en agosto de 2020, cando o Concello de Ourense asinou o contrato de concesión para a explotación da cafetería sita na rúa Curros Enríquez, ao carón do xardín Xaponés e cuxa denominación pasou a ser a de “LaPajarera”, o Grupo municipal do BNG amosaba as súas dúbidas sobre a idoneidade do adxudicatario e as condicións do propio contrato.
Tal e como lembra o Portavoz municipal Luís Seara, “xa daquelas había dúbidas sobre a idoneidade do adxudicatario que agora parecen verse corroboradas”. Seara deixa claro que “por suposto esta persoa ten dereito á presunción de inocencia pero máis alá diso, neste momento temos unha instalación propiedade do Concello, concesionada e cuxo contrato non se está a cumprir polo que entendendemos necesario que o Goberno Local aclare cales son as accións que adoptou ou vai adoptar ao respecto”.
Para o Portavoz do BNG no Concello resulta evidente que “os problemas xudiciais graves do actual adxudicatario, lóxicamente teñen incidencia no contrato de concesión asinado no seu momento polo que preguntarémoslle ao Goberno para que nos aclare varias dúbidas”.
As preguntas plantexadas polos nacionalistas refírense a se a día 1 de xullo de 2023 a empresa adxudicataria atópase ao día no pagamento do canon establecido no contrato e cuxa cantidade ascende a 68.970 euros anuais.
Outra das preguntas plantexadas fai referencia a se ante a gravidade dos feitos, Iniciouse desde o Concello algún procedemento para, en base ao establecido no propio contrato, concretamente no artigo 20 referido ao réxime de infraccións e sancións, interpor as que procedan. Por último, no BNG queren saber se desde o Executivo local valórase a posibilidade de executar a resolución do contrato.
Todas estas preguntas agardan desde a formación nacionalista, “teñan a correspondente resposta no Pleno de agosto e polo tanto o Goberno cumpra coa súa obriga de facilitar a información que desde a Oposición e, dentro da nosa obriga e do noso lexítimo dereito á fiscalización e control da acción de goberno solicitamos”, seara engade, “agardamos que, a diferenza do ocorrido no mandato anterior, neste, as preguntas formuladas en Pleno, si teñan resposta”.