O grupo municipal socialista denuncia a improvisación e caos das obras de Jácome e lamenta que se perda a oportunidade de dar prioridade aos peóns e se opte polo asfaltado

“Gran parte da cidadanía verá impedido o acceso en vehículo aos seus domicilios padecendo, por outra banda, o ruido derivado das obras e un colapso do tráfico sen precedentes”, pon de relieve o concelleiro socialista Vázquez Barquero

“Todo este despropósito ten un único responsable: o alcalde que fai da improvisación unha das principais bandeiras do seu mandato A proba desta tolemia atópase nas obras de Celso Emilio Ferreiro que comezaron hai máis de dous meses e a situación actual é de absoluta incertidume”, lembra

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 8 de agosto de 2023. O grupo municipal socialista denuncia que o centro de Ourense semella unha proba de obstáculos continua para peóns e vehículos dende hai varios meses. Á obra da rúa Celso Emilio Ferreiro, que quedou intransitable no seu tramo inferior logo dunha tormenta que levantou as beirarrúas e leva dende o 28 de maio arranxándose, súmanse outras no centro da cidade que alteran por completo o normal funcionamento da mesma.

“É máis que evidente que Jácome convertiu Ourense no referente nacional do caos e a improvisación. Os turistas atoparánse cun cúmulo de rúas cortadas e a maior das dificultades para acceder aos establecementos hoteleiros. Ademais, gran parte da cidadanía verá impedido o acceso en vehículo aos seus domicilios padecendo, por outra banda, o ruido derivado das obras e un colapso do tráfico sen precedentes”, pon de relieve o concelleiro socialista José Ángel Vázquez Barquero.

“Todo este despropósito ten un único responsable: o alcalde que fai da improvisación unha das principais bandeiras do seu mandato A proba desta tolemia atópase nas obras de Celso Emilio Ferreiro que comezaron hai máis de dous meses e a situación actual é de absoluta incertidume. Resulta imposible prever cando se reabrirá a rúa”, engade sobre a problemática.

Segundo anunciou o Goberno local, a avenida da Habana tamén permanecerá pechada, dende o cruce coa rúa Xoán XXIII ata a praza Concepción Arenal durante un mes. Un total de, en principio, 30 días para levar a cabo unha actuación sobre un paso de peóns na intersección coa rúa Florentino López Cuevillas.

Os e as socialistas lembran que a todo isto hai que sumar o despropósito que está a levar a cabo na contorna do parque San Lázaro (rúa Bedoya e rúa Valle Inclán) no que en lugar de aproveitar a ocasión para reacondicionar a zona, priorizando aos peóns, o pavimento cubriuse de asfalto. Facilita Jácome deste xeito a circulación para os vehículos pero tamén a suba da temperatura na cidade e unha maior contaminación ambiental.

Pérdese así, a longo prazo, a oportunidade de facer unha plataforma única que priorice o tránsito peonil e déixase, a curto prazo, sen servizo de autobús a parte da veciñanza residente en avenida Bos Aires ao ter que alterarse o traxecto da liña 5 de autobús (Reza-Ceboliño) que transcorre por Bedoya.

O grupo municipal socialista advirte de que se trata dunha chapuza máis, das moitas que Jácome xa realizou na cidade, con nula planificación para combater as altas temperaturas non só destes días de verán, senón das que se pronostican para vindeiros anos debido ao cambio climático. “En definitiva: nula planificación, molestias acumuladas para a veciñanza e caos urbano”, remata o concelleiro