“En verán o número de mulleres asasinadas ascende alarmantemente. Por iso é tan importante visibilizar e condear firmemente esta lacra que non pode quedar fóra da axenda de ningunha institución”, explica a concelleira Alba Iglesias
“Volvemos a reclamar que o Executivo dote ao Centro Municipal de Información ás Mulleres (CIMM) dos recursos e persoal que precisa para poder desenvolver o seu imprescindible labor de atención e acompañamento das vítimas”, engade
Ourense, 7 de agosto de 2023. O grupo municipal socialista advirte de que Democracia Orensana segue o mesmo ‘modus operandi’ que VOX e o PP, con claros exemplos de negacionismo ante a violencia machista, co borrado da Concellería de Igualdade e a invisibilización e inacción na defensa dos dereitos das mulleres e do colectivo LGBTI. “No mes de agosto non se convocou o minuto de silencio contra a violencia de xénero no Concello de Ourense”, denuncia a edil Alba Iglesias.
Ademais, afirma que o feminismo nas políticas do Goberno local brillan pola súa ausencia e que o partido de Gonzalo Pérez Jácome comezou este mandato coa retirada de dúas concelleiras electas de DO, que non chegaron a tomar sequera posesión, conformando un grupo municipal de 7 homes e 3 mulleres. “Non acadan nin a paridade”, destaca a tamén secretaria xeral de Xuventudes Socialistas en Ourense. E recorda que é unha situación similar ao baile de cadeiras de fai 4 anos no que tamén se empregaron a “mulleres floreiro” para elaborar as listas e logo borralas do mapa facéndoas dimitir.
“Durante o pasado mes do Orgullo o alcalde non foi quen sequera de pendurar a bandeira arcoiris da Casa Consitorial e isto, de novo, soa a preocupante extrema dereita”, incide a concelleira sobre outra máis dos exemplos da innacción do rexedor e o seu equipo en materia de igualdade.
“En verán o número de mulleres asasinadas ascende alarmantemente. Por iso é tan importante visibilizar e condear firmemente esta lacra que non pode quedar fóra da axenda de ningunha institución pública”, engade a socialista. E dende o grupo municipal sinalan que no que vai de 2023 xa son 32 as mulleres asasinadas vítimas de violencia machista, cifra que ascende a 1.216 vítimas dende 2003.
Cos datos e a realidade actual, a corporación socialista solicita a constitución e convocatoria do Consello Municipal de Igualdade por parte do Goberno local para abordar urxentemente a programación para o vindeiro 25N (Día Internacional Contra a Violencia de Xénero) e tamén a execución inmediata do rueiro femenino, polo que se preguntou no pasado Pleno do martes e aínda non se obtivo resposta.
“Unha vez máis, volvemos a reclamar que o Executivo dote ao Centro Municipal de Información ás Mulleres (CIMM) dos recursos e persoal que precisa para poder desenvolver o seu imprescindible labor de atención e acompañamento das vítimas”, finalizou Iglesias lembrando que o machismo non colle vacacións.