A Xunta amosa o seu compromiso na adquisición de material deportivo para os concellos

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, desprazouse esta mañá ao concello de Vilariño de Conso para visitar, da man da súa alcaldesa, Melisa Macía Domínguez, as obras que se están a desenvolver no Pavillón Deportivo, ás que a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes  asignou preto de 16.000 euros a través da liña I destinada á construción, reforma, reparación, adecuación ou mellora de instalacións deportivas de titularidade municipal.

O delegado territorial salientou que en Ourense foron beneficiarios 30 concellos que obtiveron un total de 43 axudas, que supuxo un investimento total na provincia de ao redor de 1,2 millóns de euros.

AVANTAR ACTIVIDADES

Por unha banda, 13 concellos recibiron axudas tanto para as súas instalacións como para material deportivo: A Peroxa, Bande, Calvos de Randin, Castro Caldelas, Cartelle, Coles, Maceda, Muíños, O Irixo, Ribadavia, Vilar de Barrio, Vilar de Santos e Vilamartín de Valdeorras. Por outra banda, outros catorce municipios -A Merca, A Rúa, Avión, Baltar, Beariz, Castrelo do Val, Celanova, Esgos, Leiro, O Barco de Valdeorras, Oímbra, Taboadela, Vilamarín e Vilariño de Conso- recibiron subvencións para as súas infraestruturas; mentres que A Veiga, Cortegada e San Xoán de Río foron os tres concellos ourensás beneficiarios da liña II, para a adquisición material deportivo.

Cómpre salientar que os importes das subvencións serán o 80% do investimento subvencionable, ata o límite de 50.000 euros na Liña I -instalacións- e 10.000 euros na Liña II -material-. A porcentaxe restante será achegada pola entidade beneficiaria.

O importe total destas axudas ascende a preto de 6 millóns de euros, dos que 3,4 millóns serán sufragados neste 2023 e os 2,4 restantes en 2024. Do orzamento total, 5 millóns de euros van destinados á liña I de instalacións deportivas e os restantes 800.000 euros á liña II de material deportivo.

Gabriel Alén explicou que dado o éxito desta convocatoria que provocou que algunhas solicitudes de entidades municipais foran desestimadas por esgotamento de crédito a Xunta decidiu sacar unha nova convocatoria de 2 millóns de euros para poder cubrir estas e outras novas peticións. Esta nova orde publicouse onte no Diario Oficial de Galicia.

Deste xeito, a Xunta sacará neste 2023 tres novas ordes plurianuais para instalacións deportivas. Ademais desta primeira orde para concellos de 6 millóns de euros e a segunda, dun orzamento de 2 millóns de euros; tamén cómpre destacar a orde para as instalacións de entidades deportivas cun orzamento de preto de 1,3 millóns de euros. Con todo, o Goberno galego destina neste 2023 preto de 22 millóns de euros para a construción e mellora de instalacións deportivas, o que representa o 50% de todo o orzamento histórico da Vicepresidencia Primeira en materia de deportes, que neste exercicio acada máis de 44 millóns de euros. A provincia de Ourense é unha das grandes beneficiarias deste compromiso histórico da Xunta co deporte, entre outras cousas pola súa implicación no complexo acuático de Monterrei e na remodelación do Estadio do Couto.