Luis Menor agradécelles aos participantes nas Xornadas de Folclore o seu compromiso coa Cultura e pídelles que contribúan a divulgar nos seus países o potencial de Ourense

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

O presidente da Deputación Provincial, xunto ao director das Xornadas, Julio Fernández, recibiu no Salón de Plenos aos integrantes dos grupos  procedentes de Sudáfrica, Arxentina, Bolivia, Ecuador, Tahití e Ucraína 

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

“Gustaríame que cando regresedes aos vosos países poidades contar e explicar como sentimos aquí a música e o baile. E tamén, por suposto, explicarlles que Ourense é parte inseparable do mundo das culturas e as tradicións. Sabémolo moi ben como pobo emigrante que fomos”, explicou Luis Menor 

Ourense, 10 de agosto de 2023.- Os integrantes dos grupos que están a participar na 38 edición das Xornadas de Folclore, procedentes de Sudáfrica, Arxentina, Bolivia, Ecuador, Tahití e Ucraína, protagonizaron a recepción oficial desta mañá no Salón de Plenos da Deputación de Ourense, que estivo dirixida polo presidente provincial, Luis Menor, e na que o acompañou o director do evento cultural máis importante do verán ourensán, Julio Fernández. 

A recepción oficial consistiu na explicación do que supón a función da Deputación de Ourense como goberno provincial, nunha breve presentación de cada grupo e un intercambio de agasallos representativos entre os grupos e a institución provincial, que lles entregou unha réplica das Burgas como símbolo do termalismo ourensán, tal e como lles explicou Luis Menor. 

Do mesmo xeito, o presidente provincial animou aos participantes das Xornadas a que coñezan e desfruten de todo o que a provincia de Ourense lles ofrece, agradecéndolles o seu traballo e paixón pola Cultura xa que que o folclore, a música e a danza tradicional é unha das partes máis importantes da nosa cultura. “Ninguén entendería Ourense e Galicia sen a nosa música e os nosos bailes. Por iso tamén comprendemos o que significa o folclore para vós; por iso temos ganas e ansia de coñecer outras culturas; e por iso estas Xornadas teñen o éxito que teñen desde hai case 40 anos”. 

Luis Menor quixo ter un recordo especial para George Ofilant, enviándolle en nome da provincia un agarimoso saúdo á súa familia, aos membros do seu grupo (Amezebra) e para o pobo de Sudáfrica.  

Programación do 11 de agosto 

Logo da visita das seis agrupacións a Manzaneda e O Carballiño na xornada de hoxe, cunha resposta moi positiva por parte do público e cos espazos cheos, as Xornadas de Folclore continúan mañá venres, 11 de agosto, comezando a xornada cun acto especial en homenaxe a George Ofilant, director da agrupación folclórica sudafricana, falecido en Ourense.  

A organización das Xornadas, xunto co grupo Amazebra, programou para mañá una misa ecuménica na que todas as agrupacións participarán para lembrar a George Ofilant e amosar aos participantes de Sudáfrica as súas condolencias e solidaridade. O acto será mañá, día 11 de agosto, ás 12,00 horas na Parroquia de San Pío X. 

As actuacións proseguirán á noite coa actuación dos grupos de Ecuador, Sudáfrica e Arxentina no Patio colexio Santa Leonor de Trives. Será a partir das 22,30 horas

As danzas e a música tradicional de Bolivia, Tahití e Ucraína poderán disfrutarse no Campo da Barreira en Allariz. A cita será ás 22,30 horas