O BNG de Barbadás denuncia unha vez máis a teimosía do Goberno local coa construción dun cuartel da Garda Civil na Valenzá

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Desde a formación nacionalista insisten en que “en Barbadás hai moitas carencias en materia de infraestruturas públicas e de servizos sociais, como por exemplo a falta dun IES que evite que a nosa mocidade se teña que desprazar a Ourense para estudar”

O domingo día 17 no San Amaro: I Mercadillo de Primavera ----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Barbadás, 04 de maio de 2025. O Goberno Local do Concello de Barbadás formado por PSdeG-PSOE e Democracia Ourensana segue teimando na construción dun cuartel da Garda Civil na Valenzá. Segundo denuncia o Portavoz do BNG no Concello Sarín Núñez, “tal e como xa ten manifestado en varios plenos o propio Alcalde, pretenden regalarlle o aproveitamento urbanístico ao que ten dereito o Concello de Barbadás ao Ministerio de Interior para que constrúa o citado cuartel”.

Desde a formación nacionalista cuestionaron desde o primeiro momento esta posibilidade ao entender que “non ten sentido pretender ter un cuartel cando estamos a escasos quilómetros da Comandancia de Santa Mariña e cando ademais en Barbadás temos Corpo de Policía Local”, e engade, “o que habería que facer é reforzar e dotar de máis medios humanos e materiais a nosa Policía para que poidan desenvolver o seu cometido nas mellores condicións”.

Ao tempo, Núñez non entende como “namentres en Barbadás hai moitas carencias en materia de infraestruturas públicas e de servizos sociais, e podemos citar o tantas veces demandado Instituto de Educación Secundaria (IES) que evite que as nosas mozas e mozos teñan que desprazarse a Ourense a diario para estudar, no Grupo de Goberno consideran prioritario que a Garda Civil teña un cuartel no noso concello”.

“O PSdeG-PSOE e Democracia Ourensana pretenden regalar o aproveitamento urbanístico da área de reparto que está por riba do Centro de Saúde da Valenzá e limítrofe coa Rúa do Viso á Garda Civil, no canto de aproveitar o mesmo para dotar de servizos públicos necesarios á veciñanza como pode ser unha nova escola infantil, unha nova escola de música ou mesmo empregalos para a construción de vivenda pública”.

No BNG conclúen sinalando unha vez máis que “esta proposta é una absoluta irresponsabilidade e unha nova mostra do nepotismo con que nos ten acostumados a actuar o actual Rexedor e o seu Grupo de Goberno.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------