A Xunta renova nove ecógrafos de xinecoloxía e obstetricia

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

A Xunta de Galicia ven de rematar o proceso de renovación de nove ecógrafos nas áreas de xinecoloxía e obstetricia dos tres hospitais públicos da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras cun investimento total que ascende aos 600.000 euros. En concreto, o Hospital Universitario de Ourense renova sete dos seus equipos, un o Hospital Público de Verín e outro o Hospital Público de Valdeorras o que redundará nunha mellor capacidade diagnóstica e unha importante mellora asistencial para as pacientes.

Os novos ecógrafos xa instalados permiten xestionar dos casos máis rutineiros aos máis complexos obtendo imaxes de gran precisión, reducindo a pulsación de teclas e aumentando a eficiencia do fluxo de traballo grazas ao funcionamento con pantalla táctil. Os estudos morfolóxicos fetais mediante a ecografía, que se realiza de xeito programado nas semanas 12, 20 e 35 da xestación, son técnicas de enorme complexidade que requiren dun estudo completo da anatomía fetal que é realizado por xinecólogos altamente especializados. Na Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras realízanse anualmente ao redor de 5.000 estudos ecográficos obstétricos e preto de 6.000 ecografías xinecolóxicas nas que se inclúen tamén as probas de amniocentesis e as biopsias diagnósticas.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Os sete novos equipos do Hospital Universitario de Ourense xa están en funcionamento na consulta de diagnóstico prenatal, na sala de ecografía xinecolóxica programada, na sala de ecografía do terceiro trimestre, na consulta de reprodución, na consulta de chan pélvico, na consulta de patoloxía endometrial e na sala das Urxencias xinecolóxicas. A renovación desta tecnoloxía punteira permitiu redistribuír os recursos no resto das salas da área e cumpre subliñar que na actualidade todas as consultas do servizo de Xinecoloxía e Obstetricia contan co soporte dun ecógrafo para o diagnósticos por imaxe.

Neste vídeo podedes ver a Paula Seguín, enfermeira do CHUO, no momento de realizar unha ecografía 3D nun dos novos equipos días antes do seu parto que aconteceu o pasado sábado. Parabéns para Paula e o seu home Adrián pola fermosa nena que se chamará Vega.

Xinecoloxía e obstetricia son as dúas disciplinas dunha única especialidade médica. Obstetricia fai referencia á atención á muller durante o período de embarazo, parto e puerperio. No caso da muller embarazada, os exames de ultrasóns son realizados para detectar os casos de maior risco de problemas maternos ou fetais. Ademais, teñen como obxectivo máis específico obter unha apreciación das características e conformación xeral do bebé. Os médicos recomendan a realización de entre tres e catro ecografías ou ultrasóns para ver a evolución do bebé nas diferentes etapas da súa xestación nun embarazo normal. Por outro lado, a xinecoloxía é unha das especialidades médicas máis demandadas. A ecografía é unha proba complementaria básica polo seu carácter non invasivo, indoloro e inocuo.

Renovación de tecnoloxía diagnóstica en Ourense. Tamén a finais do pasado ano foron instalados outros nove novos equipos de ecografía nos tres hospitais da Área Sanitaria, cun investimento de máis de 900.000 euros para a renovación e mellora do diagnóstico por imaxe, un deles para o servizo de urxencias do CHUO, e outros oito nas distintas áreas funcionais do Servizo de Radioloxía e Radiodiagnóstico do Hospital Universitario de Ourense, un servizo central de referencia moi especializado, que cobre desde as necesidades diagnósticas do sistema músculo esquelético ou vascular, da mama ou abdome.