Para o BNG a renuncia de Manuel Cabezas como Concelleiro revela que o pacto PP – DO asinado “por arriba”, vai máis aló do escrito no mesmo

Desde a formación nacionalista entenden que a renuncia de Cabezas “chega tarde” e constata que foi empregado polo PP para manter a Deputación pero que tralos malos resultados electorais na cidade, “resultaba incómodo”.

Ourense, 31 de agosto de 2023. A renuncia de Manuel Cabezas como Concelleiro do Concello de Ourense coñecida no día de hoxe constata, segundo o Portavoz municipal nacionalista Luís Seara, “o que o BNG leva dicindo desde hai anos. PP e DO son as dúas caras dunha mesma moeda e o pacto entre PP e Jácome, por arriba, vai máis aló do que aparece escrito e asinado”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Seara afirma que os feitos corroboran a tese do BNG xa que “puidemos comprobalo no pasado Pleno coa abstención do PP para que fose aprobado o expediente das luces de nadal e verémolo de novo en vindeiras ocasións”.

O Portavoz do BNG no Concello de Ourense ten claro que “o PP é funcional aos intereses de Jácome. Cabezas foi un instrumento do que se serviron os Populares para salvar a Deputación, pero logo do estrepitoso fracaso electoral, agora resulta incómodo”.

Para os nacionalistas queda acreditado que “o PP prégase ás demandas de Jácome para sacar a Cabezas do Concello. Jácome ten esposado ao PP, que é un refén nas súas mans”, e remata engadindo que, “unha vez máis, o PP prefire a un alcalde letal antes que defender os intereses de Ourense e da súa veciñanza”.