O BNG non apoiará unha ordenanza de terrazas e veladores discrecional, arbitraria e que pode xerar agravios comparativos entre os propios hostaleiros

Os nacionalistas congratúlanse de que agora, e tal e como solicitaron desde a primeira reunión, se soliciten informes técnicos e se agarde á resposta da Comisión Técnica de Accesibilidade da Xunta de Galiza

Publicidade

Na reunión matida esta mañá para avanzar no proxecto de ordenanza de terrazas e veladores, o Grupo Municipal do BNG mantivo a necesidade de que antes de dar o seguinte paso na tramitación, se soliciten e teñan en conta, informes de carácter técnico que a ollos dos nacionalistas son preceptivos ante unha ordenanza destas características.

Outro dos puntos importantes segundo a concelleira Rhut Reza ten que ver co “informe solicitado no seu día polo propio concello ante a Comisión Técnica de Accesibilidade da Xunta de Galiza e a cal a día de hoxe aínda non respostou. Entendemos necesario agardar á resposta da comisión por se é necesario introducir algunha modificación”.

Rhut Reza afirma que “desde o BNG non ímos apoiar unha ordenanza que non resolve os problemas para os que en teoría se redacta. Unha ordenanza que deixa á discrecionalidade da Xunta de Goberno Local resolver determinados supostos así como mesmo xerar agravios comparativos dentro do propio sector”.

“Unha ordenanza debe ser clara e contemplar todos os posíbeis supostos e non deixalos á discrecionalidade do Goberno de Turno”.

Declaracións do alcalde sobre a Lei Galega de Termalismo

Sobre as declaracións vertidas esta mañá polo alcalde Gonzalo P. Jácome en relación á Lei Galega de Termalismo e a grave afectación que ten sobre o modelo termal de Ourense, o BNG lembra que xa no seu día, durante a tramitación parlamentaria presentaron unha emenda de devolución á Lei ao considerar que o texto do Goberno non resolve os problemas existentes nin senta as bases para asumir con éxito novos retos e explotar o potencial termal do país, en palabras da portavoz de Industria no seu día, Noa Presas.

Os nacionalistas advertían de que o proxecto do Executivo do PP engadía incertezas e podía desvirtuar o mapa termal e a idiosincrasia que o termalismo galego ten desenvolvido con grande esforzo social, público e privado”.