O PSOE pide información pola extinción da Fundación Benigno Quiroga de Punxín

O PSdeG-PSOE de Punxín esíxelle ao Concello información sobre a extinción da Fundación Benigno Quiroga e os motivos que levaron a tomar a devandita decisión. As socialistas explican que con data 2 de novembro de 2020, saíu publicada no DOG a extinción de esta fundación, cando fai pouco máis dun ano, concretamente o 26 de setembro de 2019 procedeuse ó nomeamento dos vogais do padroado, segundo o indicaban os estatutos da fundacións. Tamén critican duramente o grupo de goberno municipal por non permitir a presenza de ningún concelleiro da oposición en dito padroado.

O Grupo Municipal Socialista solicita toda a información que fai referencia a extinción e pide que se lle facilite certificación do acordo de extinción adoptado polo padroado, a memoria xustificativa da concorrencia da causa de extinción, o proxecto de distribución dos bens e dereitos resultantes da liquidación ou o informe-proposta do protectorado. As socialistas queren saber porque en cuestión de pouco máis dun ano unha fundación que buscaba “reactivarse” acabou por “extinguirse” e afirman que “o grupo de goberno municipal opta pola súa forma habitual de facer política, totalmente opaca e escurantista”.

AVANTAR ACTIVIDADES

A voceira das socialistas de Punxín, Lorena Peleteiro afirma que “os que viñan a reactivar a Fundación Benigno Quiroga, o único que fixeron foi proceder a súa extinción e facelo como xa é a súa costume, pola porta de atrás, sen explicacións”. Peleteiro considera que esta forma de proceder é “totalmente escurantista”, ao excluír os membros da oposición do padroado e ter que coñecer da extinción da fundación a través do DOG. Considera tamén que con un tema tan importante como a Fundación Benigno Quiroga “deberían darnos explicacións dos motivos para tomar a decisión de extinción”.

A publicación da extinción colleu as socialistas “totalmente por sorpresa” e critican que a “a pesares de ter varios plenos dende que se acordou a súa extinción, o grupo de goberno municipal, que conforman o padroado, non fixeron comentario algún ao respecto”. Peleteiro recrimínalles a PP e Ciuidadanos que “cando pedimos que se poñan a traballar, trátase de traballar para facer, non para desfacer”

As socialistas apuntan que na acta do pleno de confección do padroado da Fundación, o líder de Ciudadanos, socio de goberno do Partido Popular, Eulogio González Barreiro tomou a palabra para dicir que “con respecto á fundación, a proposta da alcaldía obedece a que os fillos dos concelleiros van alí o colexio e levan moito tempo loitando por traer xente moza e que non desapareza a escola”. Unha situación que as socialistas critican xa que segundo explican “entendemos que a loita á que se refería o Sr. González Barreiro non consistiría na extinción da Fundación, ou si, é ese o motivo de impedir a participación no mesmo de algún concelleiro ou concelleira da oposición”.