Espazo Común preguntará en pleno polo proxecto do centro de saúde

A formación de Espazo Común preguntará en pleno polo avance do proxecto do novo centro de saúde. A moción presentada é a seguinte:

“O vindeiro 28 de setembro terá lugar o Pleno Ordinario destes mes e estarán a piques de cumplirse 14 meses dende que o alcalde do Carballiño anunciou a sinatura dun protocolo coa Xunta de Galicia para construir un novo Centro de Saúde.

AVANTAR ACTIVIDADES

Tamén fará xa catro anos que se lle leva dando voltas á cuestión, convertindose cada día que pasa nunha necesidade máis urxente debido á precaria situación do actual.

Este o contido da proposta que Espazo Común presentará para o seu debate na antedita sesión plenaria:

MOCIÓN PARA PROCURAR A MELLOR UBICACIÓN PARA O NOVO CENTRO INTEGRAL DE SAÚDE

Xa van alá catro anos enteiros falando da construción dun novo e moi necesario Centro Integral de Saúde no Carballiño. E é que é «vox populi» a situación do actual que presenta cada vez máis eivas  e deficiencias, propias dos seus xa case 40 anos de antigüidade e da máis ben escasa inversión dos últimos tempos.

Dicimos «falando» porque pouco máis alá do «díxome, díxome» se leva feito en todo este tempo. Foron innumerables os debates mantidos neste mesmo Salón de Plenos no mandato anterior e en todos eles, a actitude pouco transparente e a tónica de enlear todo ata o infinito do grupo de goberno só nos arrastrou á caótica situación actual.

Deberíase tentar ser moito máis riguroso cando falamos de xestionar o edificio onde se vai coidar a saúde dos cidadáns do Carballiño durante, cando menos, as vindeiras tres ou catro décadas.

Atinar na ubicación do mesmo é unha decisión fundamental para que, ata o de agora, non se mantivo un debate serio e concienzudo. É obrigado procurar un lugar con posibilidades de crecemento, con accesos doados tanto para vehículos como para peóns, con facilidades de aparcamento, etc..

Este proceso xa comezou enrevesado e foise convertindo, co paso do tempo, nunha mostra clara do «estilo Fumega» de gobernar.

Despois de que a Xunta de Galicia confirmara o seu compromiso de financiar o novo edificio sanitario, a única tarefa do Concello era por un soar axeitado a disposición Da Consellería de Sanidade. Aí comezou un esperpento de imposible xustificación por parte do alcalde:  primeiro garantindo que o Concello tiña en propiedade terreos para a súa construción, despois afirmando que os técnicos do SERGAS opinaban que a mellor ubicación era próxima ao actual, para só uns días despois anunciar un concurso público para que os veciños ofertaran os seus soares e pouco despois, nun novo xiro acrobático, falar dunha compra directa.

Todos estes dislates tiveron lugar sen que a oposición vira un só documento que avalara ningún deles.

Finalmente ningunha destas opcións prosperou para optar por ofrecerlle á Xunta de Galicia o soar da Estación de Autobuses alegando cuestións de prazos para non perder a subvención coa que se vai financiar esta obra.

Esta ubicación non é do agrado da meirande parte da veciñanza, xa que presenta moitas problemáticas de difícil resolución (unha soa rúa acceso, falla de aparcamento, complicacións de tráfico xa na actualidade, rúas con moito desnivel para os peóns…)

 A pesares disto e despois de perder case dous anos neste debate, o 2 de agosto de 2022, asinouse un Protocolo entre este Concello e a administración autonómica polo que o alcalde se comprometeu a acometer unha serie de tarefas que permitisen axilizar a posta en marcha do proxecto.

A día de hoxe, 1 ano e 1 mes despois desa sinatura, non se levou a termo nin un só destes puntos.

Despois de todo o acontecido, faise moi obvia a falla de seriedade e de capacidade de xestión deste goberno, sobre todo tratándose dun asunto de tanta relevancia.

É tempo xa de tomar en serio a construción do futuro Centro Integral de Saúde do Carballiño e abordar o asunto con responsabilidade, cun debate serio e documentado para tomar as decisións correctas.

É necesario tentar procurar unha ubicación alternativa á da Estación de Autobuses que mellore as prestacións desta, garantindo a subvención comprometida pola Xunta.

Visto todo o anteriormente comentado,

                                                              SOLICITAMOS

  1. Que se facilite toda a documentación existente no Concello sobre o procedemento de construción do novo Centro Integral de Saúde.
  2. Que se convoque, de xeito urxente, a Comisión de Sanidade da que forman parte tódolos partidos da corporación e con presencia dos técnicos do SERGAS  para informar da situación actual“.