O PSOE de Beade insta ao goberno municipal a someter a unha consulta popular o cambio de nomes das rúas do municipio

O PSdeG-PSOE de Beade insta ao goberno municipal do Partido Popular a someter a unha consulta popular o cambio de nomes das rúas do municipio para que sexa a veciñanza a que faga as súas aportacións e para cumprir tamén coa Lei de Memoria Democrática. Os e as socialistas insisten na necesidade de consultar coa veciñanza estes cambios, dada a “alta demanda” de veciños e veciñas que queren rematar cos nomes de rúas que fan referencia ao franquismo.

Dende o grupo municipal socialista explican que no pleno municipal celebrado esta semana en Beade, o alcalde, Fernando Taboada, incluíu na orde do día un punto para cambiar a nomenclatura das rúas de Beade. Tal e como apuntan os e as socialistas “o rexedor pretendía que aprobaramos o cambio de rúas en sesión plenaria, sen consultar coa veciñanza, nin coa oposición os novos nomes, xa que o alcalde xa traía decidido cal ía ser o novo nome da actual rúa Caudillo”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Ante esta circunstancia, dende o PSdeG-PSOE de Beade esixen que sexa a veciñanza a que decida o nome das rúas e pídenlle ao alcalde que “remate co individualismo e se sente a consensuar co resto de grupos políticos decisións de vital importancia para Beade como é esta”. Lembran que xa no anterior mandato “impulsamos varias iniciativas para o cambio de nome das rúas”.

“Creemos que unha decisión tan importante, e que ademais toca moitas sensibilidades, ten que someterse a democracia participativa e que a veciñanza teña a opción de decidir e facer as aportacións que considere oportunas”, afirma a voceira do PSdeG-PSOE, Carmen Rama Cotelo. A edil socialista destaca que o rexedor “xa tiña decidido que a rúa Caudillo pasase a denominarse rúa do Pai Juan Sobreira” e afirma neste senso que “non nos opomos a que a figura de Juan Sobreira teña o seu recoñecemento en Beade, pero creemos que hai outras fórmulas para recoñecer a este persoeiro, como pode ser a organización dunhas xornadas no municipio que recuperen o seu legado e permitan á veciñanza coñecer máis afondo a súa figura”.

Falta de diálogo coa oposición e ambigüidades

O PSdeG-PSOE de Beade tamén critica a “falta de diálogo” do alcalde cos grupos da oposición a hora de traer iniciativas ao pleno e lémbranlle ao Partido Popular que “nas pasadas eleccións perderon a maioría absoluta, polo que teñen que sentarse co PSOE a consensuar e dialogar, se queren aprobar iniciativas a prol da veciñanza”. Neste senso, os e as socialistas explican que outro dos puntos da moción “era a creación dunha biblioteca ou axencia de lectura”, pero tal e como apuntan “atopámonos con ambigüidades e coa falta dun proxecto claro neste senso”.

O punto foi retirado da orde do día, xa que tal e como explican dende o PSOE de Beade “atopámonos cunha decisión personalista do alcalde, na que non deixaba claro o modelo que quería implantar, xa fose biblioteca ou axencia de lectura”. Os e as socialistas instan ao rexedor a “preparar un proxecto, no que se especifique cal vai ser a infraestrutura concreta que se vai levar a cabo, a normativa que seguirá, o persoal que se contratará, os horarios, a apertura e se terá espazo para unha ludoteca”. Por último, finalizan afirmando que o PSdeG-PSOE de Beade “apoiará sempre iniciativas en favor da veciñanza, pero sempre que estas conten cun proxecto claro, sen ambigüidades e no que se detalle polo miúdo toda a información e funcións precisas”.