O proxecto “OU-intelixente”, presentado por AquaOurense (empresa mixta formada por Viaqua e a Deputación) concorreu á convocatoria específica dos Fondos Next Generation asociada ao PERTE de dixitalización da auga
A Deputación de Ourense completará con fondos propios os 5,75 millóns de euros restantes da financiación total do proxecto
Unha das pezas básicas deste proxecto é o Centro Intelixente -AquaOU- para reunir nun só espazo a xestión provincial da auga
Ourense, 29 de setembro de 2023.- O proxecto “Ou-intelixente”, presentado pola Deputación a través da empresa mixta AquaOurense (da que forma parte a institución provincial e Viaqua), vén de acadar 7,75 millóns de euros do Ministerio para a Transición Ecolóxica e do Reto Demográfico (MITECO). Este financiamento permitirá dixitalizar a xestión do ciclo da auga en 83 entidades locais da provincia.
A iniciativa, segundo sinala a resolución provisional da primeira convocatoria específica dos Fondos Next Generation asociada ao PERTE de dixitalización da auga, ten como obxecto facilitar o acceso dos concellos e consorcios adheridos á dixitalización da xestión do ciclo da auga. Pola súa parte, a Deputación de Ourense completará con fondos propios os 5,75 millóns de euros restantes da financiación total do proxecto
O proxecto “OU-intelixente: provincia da auga” inclúe diversas accións a realizar en concellos de menos de 20.000 habitantes, é dicir, todos os concellos da provincia adheridos, agás o da capital. Entre as actuacións previstas cómpre destacar a creación do Centro Intelixente que reunirá nun só espazo a xestión operativa dos servizos relacionados co ciclo da auga.