Acordos do Pleno da Deputación na sesión ordinaria de setembro

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

 O Pleno da Deputación de Ourense, en sesión ordinaria correspondente ao mes de setembro de 2023, adoptou hoxe os seguintes acordos: 

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Regulamento do Sistema Interno de Información 

A corporación provincial aprobou inicialmente o Regulamento do Sistema Interno de Información (SII) e do procedemento de xestión das comunicacións recibidas na chamada Canle Responsable. A lei que regula a protección das persoas que informen sobre infraccións normativas e de loita contra a corrupción establece a obriga de implantar este sistema nas administracións públicas. Á súa vez, a Canle Responsable é unha vía preferente para informar, de maneira persoal ou anónima, sobre a comisión de ilícitos penais ou administrativos. 

Canle de incidencias ou denuncias 

Relacionado co asunto anterior, aprobouse un convenio de colaboración entre a Deputación de Ourense e os concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes para a posta a disposición dos mesmos do software necesario para contar cunha canle de incidencias ou denuncias, individualizado para cada un dos concellos.  

Con esta acción de cooperación garántese que os concellos da provincia poidan dar cumprimento ás obrigas que establece a lei. Os concellos interesados deberán designar á persoa que xestione a canle. A Deputación, pola súa banda, asume o custo desta acción de xeito que terá carácter gratuíto para os concellos. 

Modificación do orzamento 

Aprobouse un expediente de modificación do orzamento da Deputación de Ourense de 2023, que non varía cuantitativamente ás contas xerais. A modificación afecta á finalidade das subvencións concedidas aos concellos de San Amaro, Chandrexa de Queixa, Vilar de Santos, Parada de Sil, Esgos, Cortegada e Boborás, así como ás seguintes entidades: Fundación Otero Pedrayo, Antonio Luz e a asociación de dano cerebral adquirido-Renacer. 

Modificación das bases do programa BenOurense 

O pleno tamén deu o visto bo á aprobación inicial da modificación das bases do programa BenOurense, para o servizo de axuda no fogar básico de 2023, cambios referidos ás datas para xustificación e pagamento das subvencións concedidas. 

Cesión de superficie á Xunta para o aeródromo de Antela 

Mediante o acordo adoptado hoxe, a Deputación de Ourense cede á Xunta de Galicia o uso das máis das 10 hectáreas de terreo que ocupa o aeródromo de Antela como base contra incendios. Este trámite permite ampliar a cesión á Xunta destes terreos e coa mencionada finalidade, tal e como se recolle no convenio orixinal asinado entre a Deputación e maila administración galega en abril de 1997. 

Convenio en materia medioambiental 

Aprobouse o convenio para que a Deputación asuma, en réxime de competencia delegada, as funcións municipais de policía medioambiental de vertidos ás redes e infraestruturas municipais de saneamento e depuración de augas residuais nos concellos do Pereiro de Aguiar e San Cibrao das Viñas. 

Capítulo de mocións 

Financiamento das entidades locais na loita contra o despoboamento 

  1. Instar ao Goberno de España a adoptar un sistema de discriminación positiva en materia fiscal, administrativa e de financiamento, para que as entidades locais poidan implantar medidas de loita contra o envellecemento e o despoboamento, mediante a creación e mellora dos servizos públicos prestados. 
  2. Instar ao Goberno de España a que poña en marcha unha estratexia clara de loita contra o envellecemento e o despoboamento, coa implicación directa das entidades locais.  
  3. Instar ao Goberno de España e ao Goberno da Xunta de Galicia a asumir unha mellora nos criterios de reparto de fondos que posibilite o aumento dos ingresos que perciben as Entidades Locais, para lograr unha auténtica suficiencia financeira posibilitando que sexan estas entidades, como mellores coñecedoras da situación no seu territorio, as que decidan como se distribúen os fondos.  
  4. Instar ao Goberno de España a aumentar a porcentaxe da cesión da recadación dos impostos do Estado ás Entidades Locais, sendo a despoboación e o envellecemento poboacional criterios correctores.  
  5. Instar á Xunta de Galicia a aumentar a aportación ao fondo de cooperación local.  
  6. Instar ao Goberno de España a que unha parte dos fondos Next Generation sexan distribuídos con criterios equitativos entre todas as Entidades Locais de Galicia, favorecendo a chegada de fondos aos concellos máis pequenos e sempre cunhas liña claras de cara onde deber ir dirixidos eses fondos.  
  7. Instar á Xunta de Galicia a unha estratexia clara de loita contra o envellecemento e o despoboamento, a unha mellora nos criterios de reparto de fondos que permita o aumento dos ingresos, e da aportación económica ás Entidades Locais para lograr suficiencia financeira posibilitando que sexan as Entidades Locais, como mellores coñecedoras da situación no seu territorio, as que decidan como se distribúen eses fondos.  
  8. Instar ao Goberno de España a que se tramite ao mesmo tempo, e de xeito paralelo, a modificación da financiación autonómica e local.  
  9. Dar traslado dos acordos á FEGAMP e á FEMP para que asuman como propias estas demandas.  

     

Conexión entre a N-525 e o CHUO 

  1. A Deputación Provincial de Ourense insta á Xunta de Galicia a impulsar as medidas oportunas e consignar o crédito orzamentario necesario para garantir que a futura conexión entre a N-525 e o Complexo Hospitalario Universitario de Ourense posibilite o acceso directo dos vehículos ao CHUO, e desconxestionar o tráfico tanto de Marcelo Macías como de Ramón Puga. 
     
  2. A Deputación de Ourense, como propietaria maioritaria da finca Santa Mariña, comprométese a por en marcha os mecanismos administrativos necesarios para poder facer un vial urbano ata Barrocás, integrado coa gran zona verde prevista nesta finca, unha vez aprobado definitivamente o PXOM do Concello de Ourense, ou ben, incorporándose este vial no plan sectorial da rede viaria de Ourense, aprobado polo Consello da Xunta o 10 de xaneiro de 2013. 

     

Igualdade de todos os españois 

  1. Recoñecemos que España é unha nación de cidadáns libres e iguais en dereitos e obrigacións. 
  2. Rexeitamos calquera proxecto que trate de romper a igualdade ou de recoñecer privilexios a cidadáns ou territorios en calquera parte de España e que atente ao disposto pola Constitución española. 
  3. Propoñemos un gran acordo nacional que afronte os principais desafíos que temos: a rexeneración institucional, o Estado de Benestar, os fundamentos da nosa economía, un pacto polas familias, un pacto pola auga e un pacto territorial. 
  4. Urximos ao Goberno a que propoña un modelo de financiamento autonómico que garanta os principios de igualdade e solidariedade e que sexa froito do acordo entre todos. Rexeitamos calquera privilexio unilateral á marxe do acordo entre todas as CC.AA. 
  5. Reclamamos ao Goberno que garanta un marco de financiamento de concellos, deputacións e cabildos baseado na suficiencia, a solidariedade e a equidade. 
  6. Dar traslado destes acordos á Presidencia do Goberno, á Vicepresidencia primeira e Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, á Vicepresidencia segunda e Ministerio de Traballo e Economía Social, ao Ministerio de Política Territorial, e aos portavoces parlamentarios no Congreso e o Senado; así como á Xunta de Goberno da FEMP.