O vicepresidente segundo da Deputación de Ourense e deputado de Cultura, César Fernández, participou hoxe no inicio do curso 2023-2024 da Escola de Artes e Oficios, que bate récord de matrícula nos seus 132 anos de vida, converténdose nunha das “institucións culturais máis lonxevas da provincia e nunha importante canteira de artistas que xa son todo un referente da arte ourensá en disciplinas como a pintura ou a escultura”, destacou César Fernández.
Neste novo curso lectivo están matriculadas 225 persoas repartidas entre as diferentes disciplinas que alí se imparten: debuxo e iniciación á pintura, perfeccionamento en pintura, talla de madeira, modelado en barro e oleiría e esmalte cerámico, que se formarán nas instalacións da Escola situada na rúa da Canle, ao carón da Biblioteca “Nós”.
O incremento do 10 % de matriculados demostra que a Escola “está a pasar polo seu mellor momento en moitos anos”, afirmou o director da mesma, Francisco González, quen lembrou que esta instalación é “unha historia de éxito da Deputación”. Así mesmo, González agradeceu á directora da Biblioteca “Nós”, Rosa Díaz, a alianza de colaboración que existe entre ambas institucións, permitindo que ao longo do curso se expoñan na biblioteca os mellores traballos de alumnos das diferentes disciplinas artísticas.