O Psdeg-Psoe de Pontedeva denuncia que a “neglixente” e “nefasta” xestión do alcalde do PP sumiu ao concello no “máis absoluto caos e desgoberno” da súa historia

Os e as socialistas avogan por un concello no que prime “a claridade, a transparencia e a igualdade entre veciños e veciñas” e subliñan que en Pontedeva, da man do Partido Popular, “non se da esta situación”

O voceiro do PSdeG-PSOE, Antonio Vázquez Ferreira, afirma que dende a chegada do actual alcalde en 2007, o concello de Pontedeva “sufriu unha caída demográfica do 50%, froito do caos e o desgoberno total e absoluto que padecemos”

AVANTAR ACTIVIDADES

Pontedeva, 29 de setembro de 2023. O PSdeG-PSOE de Pontedeva denuncia que a “neglixente” e “nefasta” xestión do alcalde do Partido Popular, Juan Carlos González Carbajales, sumiu ao concello no “máis absoluto caos e desgoberno” da súa historia. Os e as socialistas avogan por un concello no que prime “a claridade, a transparencia e a igualdade entre veciños e veciñas” e subliñan que en Pontedeva, da man do Partido Popular, “non se da esta situación”.

Dende o grupo municipal socialista de Pontedeva argumentan o “desgoberno” existente en diferentes circunstancias das que tiveron coñecemento na actual lexislatura. Segundo apuntan os e as socialistas, o alcalde incumpriu cos acordos plenarios, que establecían que os plenos ordinarios celebraríanse o derradeiro luns de cada mes impar de forma bimensual, ás 20:00 horas. Pois ben, tal e como apuntan dende o PSOE “o pleno debería terse celebrado o pasado luns, pero o alcalde non o convocou, motivo polo cal presentamos un escrito de queixa por rexistro, e atopámonos que ao día seguinte de presentalo, temos comunicación da celebración do pleno o vindeiro luns”. Ante esta situación denuncian que a organización municipal en Pontedeva “é inexistente”.

O voceiro do PSdeG-PSOE en Pontedeva, Antonio Vázquez Ferreira, afirma que dende a chegada do actual alcalde en 2007, o concello de Pontedeva “sufriu unha caída demográfica do 50%, froito do caos e o desgoberno total e absoluto que padecemos”. Tal e como apunta o edil socialista “a isto súmase tamén a ausencia total de iniciativa, a hora de pór en marcha a zona industrial, impulsada polo ex alcalde socialista, González Martín, así como a creación de vivendas sociais, que xa contemplara o ex rexedor do PSOE, destinando terreo a creación deste tipo de infraestrutura, pero dende 2007 ata hoxe, da man do PP, non houbo unha soa construción”.

Vázquez Ferreira tamén fai referencia a situación económica do concello, xa que tal e como apunta, o municipio “non pode asumir ningún investimento de forma propia, debido a falla de disposición económica”. Neste senso o voceiro dos e das socialistas de Pontedeva sinala que “tan só podemos realizar obras que financien na súa totalidade, IVE incluído, a Xunta de Galicia ou a Deputación de Ourense, polo que estamos a expensas de se estes organismos teñen a ben realizar investimentos no municipio”.

Ante a “preocupante” situación económica, os e as socialistas presentaron un escrito solicitando coñecer as débedas vivas do concello e os cartos que deben os cidadáns de Pontedeva. Critican que o alcalde “malgaste, a maioría das veces, cartos que son dos veciños e veciñas, e non da súa propiedade” e lémbranlle que ten obrigación, segundo a Lei, de “administrar, en boa praxe, os gastos dos caudais públicos”. Asemade, dende o PSdeG-PSOE de Pontedeva, tamén solicitan saber “o reparo das distintas facturas que o alcalde levanta para poder pagalas”, situación que consideran que “non se axusta a lei” e que afirman “podemos estar ante un presunto delito de malversación de caudais públicos”.

“Creemos que se pagan favores políticos coa adxudicación de pagos, que nin tan sequera están contemplados en ningunha partida orzamentaria”, denuncia Antonio Vázquez.

Bandazos na xunta de goberno municipal

Dende o grupo municipal socialista en Pontedeva, tamén acusan ao alcalde de “dar bandazos” a hora de confeccionar a lista de membros que forman parte da xunta de goberno. Tal e como relatan, o alcalde “cambiou dúas veces en escasos días aos representantes na xunta de goberno”, xa que segundo explican “primeiro cesou o segundo tenente de alcalde, para nomear a unha concelleira, pero posteriormente recuou e volveu a cesar a esta concelleira e a nomear novamente ao segundo tenente de alcalde”.

Ante esta situación denuncian que “estamos ante un goberno municipal que toma decisións para adiante a para atrás nunha mesma semana, o que dende o noso punto de vista é unha situación que pon de manifesto o desgoberno total e absoluto que sufrimos”, finaliza Antonio Vázquez.