A Deputación colaborará coas autoescolas para desenvolver a FP Dual na titulación de técnico superior en formación para a mobilidade e seguridade sostible

O presidente provincial, Luis Menor, anunciou esta colaboración ante os empresarios das autoescolas ourensás, encabezados polo seu presidente, Luis Novoa, durante os actos de organizados por este colectivo na celebración do seu patrón

AVANTAR ACTIVIDADES

O ciclo iniciou a súa andaina este mesmo curso (2023-2024) no CIFP Portovello con 18 matriculados de diferentes provincias e incorpora á oferta da FP galega unha titulación que existe en poucos puntos de España

A titulación permitirá ao alumnado, entre outras accións, programar a intervención no ensino para a seguridade vial e mobilidade; desenvolver iniciativas de educación vial e sustentabilidade no transporte; ou elaborar plans de mobilidade segura, sustentable ou de condución segura

Ourense, 6 de outubro de 2023.- A Deputación de Ourense colaborará coa Asociación provincial de Empresarios de Autoescolas para desenvolver a FP Dual (FPD) na titulación de técnico superior en formación para a mobilidade e seguridade sostible, ciclo que iniciou a súa andaina este mesmo curso (2023-2024) no CIFP Portovello. O presidente da Deputación, Luis Menor, anunciou esta colaboración ante os empresarios das autoescolas ourensás, encabezados polo seu presidente, Luis Novoa, durante os actos organizados por este colectivo profesional con motivo da celebración do seu patrón.

A institución provincial xa apoiou no seu momento a implantación deste ciclo superior, que na actualidade conta con 18 matriculados procedentes de distintas provincias galegas e incorpora á oferta da FP de Galicia unha titulación que existe en poucos puntos de España.

Luis Menor lembrou as súas palabras durante un recente acto no Centro Galego de Innovación e FP “Eduardo Barreiros”, onde comprometeu o apoio da Deputación para poñer a disposición das empresas “persoal altamente cualificado, atendendo ás esixencias do mercado laboral actual”. Ese compromiso, dixo, “ten hoxe aquí un novo exemplo coa noca cooperación para a FP Dual nesta titulación”.

Entre tanto, Luis Novoa subliñou a satisfacción dos empresarios de autoescolas por acadar, nun primeiro momento, a posta en marcha desta titulación. Agora, sinalou, partindo dun ciclo formativo xa iniciado “imos dar un paso máis nestes estudos co inicio no mes de marzo e ata setembro da formación práctica dos alumnos nas empresas”.

Obxectivos do ciclo

En liñas xerais, a titulación permitirá ao alumnado programar a intervención no ensino para a seguridade vial e mobilidade; desenvolver iniciativas de educación vial e sustentabilidade no transporte; elaborar plans de mobilidade segura e sustentable para o sector público e privado, así como plans de mobilidade urbana e de condución segura, ademais de xestión de autoescolas.

Fundada en 1978, a Asociación provincial de Empresarios de Autoescolas de Ourense está integrada por 31 empresas que representan ao 85 % das autoescolas da provincia de Ourense.