- A proposta dos populares, que se debatirá no vindeiro pleno da Deputación, pide tamén habilitar un teléfono de contacto e non limitar a comunicación o correo electrónico, remitindo todos os requirimentos a vez, para así non retrasar o pago das axudas concedidas aos concellos
- Ademáis de plantexar mecanismos para que non se vexan afectadas as Tesourarías dos concellos á hora de tramitar estas axudas, o Grupo Provincial do PP urxe a necesidade de volver á modalidade de subvencións a fondo perdido ao 100 % -ou en todo caso ao 80 %-, e non a préstamo ao 0% como na última convocatoria
- A proposta de acordo da moción contempla tamén aumentar o importe nos Orzamentos Xerais do Estado para estas medidas, dado que a “acción polo clima” é un dos obxectivos de desenvolvemento sostible da Axenda 2030, tan anunciados polo Goberno de España
11, outubro, 2023
O Grupo Provincial do PP de Ourense vén de rexistrar unha moción, para o seu debate e aprobación no vindeiro pleno ordinario da Deputación, na que solicita adoptar as medidas oportunas coa fin de axilizar as tramitacións, previo á contratación, dos expedientes relativos ao programa de axudas para a renovación das instalacións de iluminación exterior municipal concedidas polo IDAE (Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía) e habilitar un teléfono de contacto -e non limitar a comunicación ao correo electrónico-, remitindo todos os requirimentos á vez, para así non retrasar o pago das mesmas.
Outro dos acordos que solicita o texto dos populares baséase en activar os medios técnicos necesarios que permitan incorporar as xustificacións esixibles para tramitar a cobranza da parte subvencionable, xa adiantada por parte dos concellos, e que está a ocasionar tensións moi importantes na súa tesourería, axilizando o pago da subvención sen que o ingreso da mesma supere o ano natural. Pide tamén o acordo da moción incluír nas diferentes ordes de subvencións a posibilidade de anticipar o importe concedido, para que así non se vexan afectadas as Tesourarías dos Concellos.
No tocante ao modelo de subvencións, a proposta do Grupo Provincial Popular require urxir a necesidade de volver á modalidade de subvencións a fondo perdido ao 100 % -ou en todo caso ao 80 %-, e non a préstamo ao 0% como na última convocatoria. Por último, o acordo propón aumentar o importe nos Orzamentos Xerais do Estado para estas medidas, dado que a “acción polo clima” é un dos obxectivos de desenvolvemento sostible da Axenda 2030, tan anunciados polo Goberno de España.
Propósitos do IDADE
Na exposición de motivos da moción do Grupo Provincial do Partido Popular, que asina a voceira Patricia Torres, arguméntase que o IDAE (Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía), adscrito ao Ministerio de Transición Ecolóxica, ten como un dos seus propósitos “contribuír á consecución dos obxectivos adquiridos por España en materia de eficiencia enerxética”. Unha das súas accións máis importantes é o programa de axudas para a renovación das instalacións de iluminación nos concellos.
Con este programa preténdese o cambio de lámpadas e luminarias, e a implantación de sistemas de regulación, co obxecto de reducir o consumo de enerxía eléctrica en iluminación en, polo menos, un 60%; regular os niveis de iluminación segundo diferentes horarios nocturnos, axustándose ás necesidades dos cidadáns; e adecuar as instalacións existentes aos preceptos establecidos no regulamento de eficiencia enerxética en instalacións de iluminación exterior.
Toda administración pública debe ter entre os seus propósitos a protección do medio ambiente mediante políticas de aforro enerxético que, ademais, van supoñer un aforro de custos, o que supón conseguir unha maior liquidez para a mesma.
Problemas de liquidez dos concellos e tramitación
Moitos concellos teñen problemas importantes de liquidez e cada vez cústalles máis dar os servizos esenciais. Ademais, o prezo da enerxía eléctrica aumentou considerablemente nos últimos anos e isto supón un incremento moi importante de gasto nos orzamentos municipais.
Por iso, este programa supón unha boa liña de financiamento para a execución de proxectos de aforro enerxético, e moitos concellos aproveitan a oportunidade solicitando esta subvención, cuxos custos son moi elevados en relación á súa capacidade de gasto anual.
A tramitación deste programa por parte do IDAE está a ser moi lento. En casos concretos, desde que se tramita a solicitude ata que se pode iniciar a contratación, pasaron máis de 2 anos, o que supón un período de tempo moi prolongado no que se está deixando de aforrar enerxía, aumentando o gasto eléctrico. E máis tendo en conta que estes programas supoñen un aforro do 60% de enerxía, e o consecuente aforro no gasto nas devanditas iluminacións públicas (un dos maiores gastos nos orzamentos municipais).
Tensión de tesourería
Outro dos problemas, derivados tamén na tramitación dos expedientes por parte do IDAE, é que unha vez executada a obra e pagado contratista por parte dos concellos, pasa moito tempo para poder cobrar, o que supón unha tensión de tesourería moi importante, tendo en conta que o importe contratado -e por tanto aboado-, en moitos casos, supón mais do 30% do orzamento municipal e, incluso, en ocasións ata o 50%. Esta situación, se a trasladamos a concellos con problemas económicos, pode supoñer a súa quebra financeira e obrigaríaos a ter que endebedarse con entidades bancarias, aumentando así a súa débeda publica, cos gastos asociados correspondentes.
Ademais, ante este escenario, son os concellos os que están a soportar esta situación. Esta realidade que estamos a vivir leva consigo que moitos deles vense obrigados a derivar fondos de outras partidas para poder facer fronte a esta situación, poñendo en perigo servizos esenciais como asistencia a persoas con necesidades, a nenos, a persoas con discapacidade, axudas a comedores sociais ou programas de prevención e intervención fronte á violencia de xénero.