O Servizo de Prevención da Deputación organiza un simulacro de incendio no Centro Cultural Marcos Valcárcel

Simulacro de incendio.- O Servizo de Prevención da Deputación de Ourense organiza un simulacro de incendio nas instalacións do Centro Cultural Marcos Valcárcel.

O Servizo de Prevención da Deputación de Ourense organizou esta mañá un simulacro de evacuación de emerxencia por motivo de incendio nas instalacións do Centro Cultural Marcos Valcárcel. Esta iniciativa de prevención enmárcase no Plan de Autoprotección deste edificio da Deputación e consistiu na simulación dun lume no Museo do Tren situado na segunda planta. 

A alarma de incendios emitiu un sinal de preaviso que foi atendido por persoal do Centro Cultural que avisou ao director do Plan de Actuación ante Emerxencias. Unha vez visitada a zona de emerxencia intentaron, sen éxito, extinguir o incendio polo que se decidiu confinalo e evacuar o edificio, activando o sinal de alarma de incendios. Chamaron ao 112 e bloqueáronse os ascensores e cortouse o subministro de electricidade. O persoal foi evacuado ao exterior onde os reuniron a todos nos xardíns Padre Feijóo.  

AVANTAR ACTIVIDADES

A duración estimada do simulacro desde a detección do foco ata a intervención dos bombeiros foi en total de 20 minutos. Para levar a cabo este simulacro, contouse co apoio do 112 da Xunta de Galicia para a mobilización de medios; así como do servizo de extinción de incendios do Concello de Ourense, da Policía Local e da Policía Nacional, que se achegaron ao edificio trala chamada ao CAE112.