A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, coñeceu esta tarde as experiencias de maiores e xente nova que participaron nos programas de voluntariado xuvenil e sénior postos en marcha no Concello da Veiga co apoio da Administración autonómica o ano pasado. Cristina Pichel, que estivo acompañada do alcalde deste municipio, Juan Anta, destacou a contribución destas persoas á dinamización da contorna a través das accións voluntarias que levaron a cabo.
Así, as mozas e mozos que se implicaron no programa de voluntariado xuvenil Veigavrao 2.0 realizaron actividades de educación medio ambiental e de educación e de animación infantil e xuvenil; así como intervencións relacionadas coa igualdade de xénero e o benestar das persoas maiores do municipio.
Pola súa banda, ao abeiro do voluntariado sénior divulgouse a rede etnográfica da Veiga e fíxose un traballo de recuperación de cánticos populares.