Carmen R. Dacosta lamenta as “malas noticias para Ourense, para os pais e nais da Plataforma Procapd de Ourense e sobre todo para os mozos e mozas con discapacidade” logo de 8 anos agardando polo servizo
Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2024. A parlamentaria socialista Carmen Rodríguez Dacosta acusou hoxe ao PP de “discriminar” a Ourense ao negarlles un Centro de Atención a Persoas con Discapacidade de xestión pública directa. Dacosta criticou que o PP votara en contra da iniciativa do Grupo Socialista debatida hoxe na Comisión de Política Social diante do “silencio” da Xunta de Galicia, e que hoxe confirman estas “malas noticias” con respecto á xestión do centro.
Dacosta citou o título da canción do coñecido grupo de rock ourensán Los Suaves para subliñar que o resultado da votación son “malas noticias para Ourense, malas noticias para os pais e nais da Plataforma Procapd e malas noticias para os mozos e mozas con discapacidade”. A responsable socialista reivindicou “igualdade de trato” para as familias ourensás con mozos con discapacidade e que viven na única provincia que carece dun centro público.
A responsable socialista acusou ao PP e o goberno galego a reservar a xestión do centro para “unha empresa ou Fundación” e así “beneficiar sempre aos mesmos”. Afeoulle á conselleira de Política Social que teña suspendido a cita coas familias prevista para o 6 de setembro e reclamoulles que se poñan “na pel das familias afectadas” e atendan á petición da cidadanía de Ourense que leva 8 anos xa reivindicando a posta en marcha dun Centro de carácter público.
Lembrou o compromiso do goberno galego para construír un centro público de xestión directa, tal e como figuraba tamén no acordo de 2016 no que as organizacións políticas asinaron o compromiso de dotar a Ourense dunhas instalacións “dignas e adaptadas ás necesidades” das persoas dependentes que rematan a vida escolar e a partir dos 21 anos precisan dunha atención “como mínimo igual á das demais provincias galegas”.
Saúdos, Comunicación PSdeG-PSOE