O PSOE critica que os traballadores da Deputación non cobran a suba salarial nos últimos cinco meses

O PSdeG-PSOE destapou que o secretario xeral da Deputación de Ourense “avala” nun informe a denuncia efectuada polo grupo provincial hai tres semanas, coa que destaparon que os traballadores e traballadoras da institución acumulan xa cinco meses sen cobrar a suba salarial do 0,9 % que lles corresponde neste 2021, segundo determina a Lei de Orzamentos Xerais do Estado. “A Deputación é morosa con respecto aos seus empregados”, denunciaron hoxe os socialistas tras coñecer as contundentes conclusións do alto funcionario.

Desde o goberno de Baltar “responderon cunha falta de respecto á democracia e insultando”, dixo o vicevoceiro, Nacho Gómez, ao recordar como o portavoz do PP, Plácido Álvarez, “mentiu e malinformou” asegurando que o deputado socialista só quería unha suba salarial para si mesmo ou que existía unha partida orzamentaria para afrontar estes pagos. “O secretario non só avala que a suba salarial é de obrigado cumprimento, como nós dixemos, senón que tamén resalta que o propio convenio regulador da Deputación así o establece”, advertiu tras sinalar que estamos ante un goberno “moroso”.

AVANTAR ACTIVIDADES

“O secretario tamén conclúe que os cargos públicos non temos dereito a esta suba do 0,9 %”, incidiu Gómez quen cualificou de “farsa” e “falta de respecto á democracia” as palabras dos populares nas que sinalaban que o único fin do vicevoceiro era “subirse o soldo”. “Nin Baltar nin Plácido nin ningún outro secuaz deste señor van amedrentar ao PSOE”, proclamou antes de asegurar que “non imos a ceder ante unha institución que está corrompida”. “O que se ten que ir para a súa casa é o señor Baltar, que nos deixe tranquilos a todos os que respectamos a democracia”, resaltou.

“Cando se poñen en tela de xuízo todas estas imprevisións da Deputación, o goberno de Baltar ataca descaradamente á persoa que detallou a súa incompetencia, atribuindo intereses personais trala denuncia”, relatou o portavoz, Rafa Villarino, antes de salientar que “ningunha desas cuestións era certa”. “Baltar debe apartarse da vida pública para deixar de entorpecer a esta cidade, a esta provincia, e permitir que a democracia entre dunha vez nesta terra”, resaltou sinalando que estamos ante un “trampantojo de democracia”. “Nas cidades e nas vilas de Ourense ninguén quere saber nada do baltarismo”, insistiu.

O portavoz do PSdeG-PSOE tamén convidou aos sindicatos a que “loiten” para que “se cumpra un dereito” porque “estamos ás portas do primeiro de maio e vai sendo hora de que os traballadores e traballadoras da Deputación Provincial teñan dereitos, coma todos os demais”. “Son membros dunha administración pública e deben cumprir as obrigas que impón a lei”, insistiu Villarino en referencia aos cargos populares antes de concluír sinalando que “quen está fóra da lei, está fóra da democracia”.

Informe do secretario

O informe do secretario xeral, logo dun amplo relatorio de consideracións xurídicas que reforzan o sinalado anteriormente polos socialistas, conclúe que “de acordo coas previsións do Acordo regulador para o persoal funcionario e do Convenio colectivo, tanto ao persoal funcionario como ao persoal laboral lles resulta aplicable o incremento salarial previsto no artigo 18, apartados dous e catro, da Lei 11/2020, de 30 de decembro, de Orzamentos Xerais do Estado para el ano 2021”.

No mesmo informe sinala que o persoal eventual “ten dereito a un incremento retributivo idéntico”, pero aclara que o incremento salarial previsto na Lei 11/2020 “non resulta de aplicación aos cargos que se desempeñen en réxime de dedicación exclusiva ou parcial (coa excepción indicada das actualizacións que procedan respecto das retribucións referenciadas ao cargo de director xeral da Comunidade Autónoma)”.

Pola súa banda, desde o servizo de intervención da Deputación tamén confirmaron, literalmente, que “non existe a dotación orzamentaria” e, polo tanto “non é posible, neste intre, levar a cabo ningún incremento salarial”.