O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, anunciou esta tarde na Comisión Especial de Contas, Facenda e Recursos Humanos unha ampliación da proposta de modificación de crédito presentada onte e que supón a incorporación de 1 millón de euros máis ao documento, o que entre outras medidas suporá destinar achegas ao 100 % dos concellos da provincia.
Desde o primeiro momento, destacou Luis Menor, “o noso obxectivo era chegar a todos os concellos da provincia, obxectivo que finalmente conseguimos grazas ao esforzo do equipo de goberno e dos nosos servizos técnicos”.
Con esta ampliación da modificación de crédito engádense 11 concellos máis ao documento, incrementando a partida destinada a cooperación coas entidades locais en preto de 500.000 euros. A cantidade restante irá destinada a proxectos relacionados coa promoción e fomento do deporte, nomeadamente a mellora de infraestruturas deportivas.
O millón de euros que se suma ao documento supón, finalmente, que a modificación de crédito proposta polo equipo de Goberno alcanzará os 10,2 millóns de euros, dos que 5,6 iran destinados a cooperación coa totalidade dos concellos da provincia, ademais de 7 mancomunidades de concellos.
Cómpre lembrar que en colaboración con entidades, o documento vai beneficiar a 21 colectivos sociais, empresariais ou deportivos con preto de 318.000 euros, mentres que 4,3 millóns estarán dedicados a necesidades de xestión. Desta cantidade, algo máis da metade (2,8 millóns) ten como fin a cancelación do único préstamo vivo que mantiña a Deputación con entidades financeiras, polo que definitivamente a débeda da institución será “0”.