VI EDICIÓN DO PREMIO PEDRA ALTA
que concede o Padroado do Museo da Limia (Vilar de Santos) a persoas ou entidades cuxa obra ou labor é capaz de proxectar unha pegada merecente de consideración nas Terras do Limia, ou fóra delas, se a súa a nacenza acontece neste territorio.
A Xunta Directiva do Padroado do Museo da Limia (Vilar de Santos), a proposta do seu Consello Asesor, na xunzanza celebrada hoxe sábado, día 21 de outubro, acorda concederlle o PREMIO PEDRA ALTA 2023, na súa VI edición, a dona Amalia Gómez Manso (Santana-Sandiás, 1927), fundadora do restaurante Novaíño.
Na persoa de dona Amalia, o Museo da Limia quere renderlle unha homenaxe a todas as mulleres, que tanto contribuíron ao desenvolvemento da nosa comarca.
Hai arredor de 70 anos, a mediados dos anos sesenta do século pasado, dona Amalia Gómez Manso foi quen de transformar unha taberna de aldea, situada ao pé da N-525, en Novaíño (Piñeira de Arcos), nun dos restaurantes máis emblemáticos da comarca da Limia, que hoxe rexenta a terceira xeración familiar, representada nos seus netos Toño e Ana, acompañados pola súa nai Pepita, despois da xubilación do fillo, Antonio.
Cómpre salientar a aposta decidida e continuada pola cociña tradicional galega e polos produtos autóctonos, nun lugar de parada necesaria, de encontro e acollida, onde poderiamos contar cos dedos das mans os limiaos que non pasaron nalgunha ocasión polo restaurante O Novaíño, para xantar ou participar nalgún banquete familiar ou de amigos. Sería difícil atopar un camioneiro, un viaxeiro de paso que, tendo que circular pola N-525 ao seu paso pola Limia, non parase algunha vez no restaurante da nosa homenaxeada co Pedra Alta de 2023.
A reunión extraordinaria do Consello Asesor do Museo da Limia tivo como un dos puntos da orde do día a elección da entidade, asociación ou persoa física que considera merecedora da concesión do premio anual Pedra Alta na súa 6ª edición.
Con esta elección queremos render homenaxe a nosas avoas e ás nosas nais, ás mulleres que se enfrontaron á adversidade na nosa Limia, unha obriga do Museo da Limia que non debía demorar máis.
[A entrega do galardón, unha réplica en granito da Pedra Alta (contrinución altruísta do noso escultor Xosé Lois Carreira) acompañada dun diploma acreditativo, terá lugar nun acto público solemne que se celebrará no Museo da Limia (Vilar de Santos), o vindeiro sábado día 25 de novembro. Como vén sendo habitual, o acompañamento musical correrá a cargo do pianista Luis Humberto Cao e do tenor Baldomero Pavón. A xornada festiva concluirá cun xantar (un cocido limiao), custeado polos asistentes que decidan acompañarnos]