Distintas vilas acollen hoxe a lectura pública da obra de Castelao ‘Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete’. Avantar faino no Carballiño

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Distintas vilas da Galiza acollerán mañá a lectura pública da obra de Castelao ‘Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete’ que protagonizará a celebración do Samaín por parte das entidades culturais galegas

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

A Federación Galiza Cultura celebra conxuntamente esta actividade coas súas entidades federadas en Ourense, O Carballiño, A Estrada, Ferrol e A Coruña

O Paraninfo da Universidade da Coruña iniciará os actos a partir das 19.30 horas desta terza feira 31 de outubro, actividade na que participan as entidades da contorna da Coruña, a A.C. Alexandre Bóveda, a A.C. O Facho, a A.V.C.D. e R. Agra do Orzán e a A.C. Tempo Novo

A A.C. Auriense en Ourense, a A.C. Avantar, no Carballiño, a A.C. Vagalumes, da Estrada ou a S.C. Medulio en Ferrol tamén realizarán, xunto coa lectura publica do texto de Castelao, outras actividades complementarias como magostos, obradoiros de cabazas ou un sorteo dun lote de libros

30 de outubro, Santiago de Compostela. A Federación de asociacións culturais Galiza Cultura, conxuntamente coas asociacións federadas, celebran este Samaín de 2023 realizando simultaneamente en varias vilas do país unha actividade conxunta protagonizada pola lectura do texto de Castelao ‘Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete’.

Profundar e poñer en valor o significado que na nosa cultura e ao longo da nosa historia, así como a forma específica de entender a morte en Galiza, é o obxectivo de dita celebración, pois logo ‘Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete’ reflicte, desde unha visión critica, mais tamén retranqueira, a nosa visión da morte, tal como a entendemos na Galiza, xusto nestas datas de celebración do Samaín.

A peza de Castelao, da que se cumpriron os cen anos da súa publicación por parte da Editorial Céltiga de Ferrol, representa unha metáfora da Galiza e amósanos a sociedade na que vivía Castelao (que ben pode ser na que vivimos nós) mirada por un esqueleto, que en vida (en carne, como persoa) non era quen de ver a realidade, a sociedade na que vivía e o significado das cousas, mais en morte, a través dun obxecto (o seu ollo de vidro, que se converte en fetiche, en moeda de cambio, nun lente) é capaz de analizar o contexto social que reproduce aquel mundo do que provén (a vida) exactamente igual. O alén, a morte, non se concibe coma un acto onde conclúe a vida porque a morte é igual que a vida.

A actividade, un dos acordos tomado na asemblea da Federación realizada en xullo no Convivio da Cultura galega realizado na Casa-Museo Manuel María, inicia na cidade da Coruña a partir das 19.30 horas, no Paraninfo da Universidade da Coruña onde, á lectura pública da mencionada obra de Castelao, seguirá un magosto popular como xeito de convívio e celebración colectiva. Neste caso, ademais da Federación Galiza Cultura, convocan o acto as entidades federadas da contorna da cidade, a A.C. Alexandre Bóveda, a A.C. O Facho, a A.V.C.D. e R. Agra do Orzán e a A.C. Tempo Novo.

En Ourense, a encargada de levar a cabo a lectura será a A.C. Auriense, e o lugar escollido será na praza do Correxidor, 11, a partir das 20 horas e aproveitarse a actividade para realizar, previamente, desde as 17 horas, un obradoiro de elaboración de cabazas. No Carballiño, a A.C. Avantar completa a lectura, que se celebrará na praza Maior, ás 20 horas, cun sorteo dun lote de libros entre as persoas asistentes. E a A.C. Vagalumes, da Estrada, tamén realizará a actividade na rúa Principal, que en caso de choiva trasladarse para a sede de Abanca da Estrada, escollendo a mesma hora que nas dúas vilas anteriores, ás 20.

Por último, en Ferrol, a S.C. Medulio tamén realizará esta lectura en vindeiras datas pechando, deste xeito, esta actividade conxunta das entidades que conforman a Federación.

Todos os acto serán abertos ao público para quen quixer participar e a propia Federación convida á veciñanza das distintas vilas a se achegar aos mesmos e gozar do noso Samaín.

Esta actividade está financiada grazas ás axudas do programa FO203 de subvencións a entidades sen fins de lucro para a realización de actividades culturais durante o ano 2023 da Deputación da Coruña.