A Deputación ofrece, na Casa Grande de Viloira, a exposición “Cornamusas primitivas: Historia da Civilización”

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A mostra, que foi inaugurada hoxe no Barco de Valdeorras, estará dispoñible ata o 31 de decembro 

Está formada por gaitas procedentes de España, Francia, Italia, Suecia, Xeorxia, Romanía, Croacia, Túnez, Irán, República de Marí, Illas Gregas, India, Turquía, Malta e Ucraína 

O Barco de Valdeorras, 31 de outubro de 2023.- A delegación da Deputación en Valdeorras, sita na Casa Grande de Viloira, acolle desde hoxe e ata o 31 de decembro a exposición “Cornamusas primitivas: Historia da Civilización”. A presentación da mesma tivo lugar esta mañá coa presenza da deputada delegada especial para Valdeorras, María del Carmen González. Tamén asistiron o representante da Xunta, Manuel Pardo; o presidente da Asociación Camiño de Inverno, Henrique Álvarez; o pesidente do Instituto de Estudios Valdeorreses, Aurelio Blanco Trincado; e o director da Real Banda de Gaitas da Deputación, Xosé Lois Foxo.  O acto desta mañá tamén serviu para presentar o libro, co mesmo título da exposición, escrito por Ruth Foxo. 

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Esta exposición está formada por gaitas procedentes de España, Francia, Italia, Suecia, Xeorxia, Romanía, Croacia, Túnez, Irán, República de Marí, Illas Gregas, India, Turquía, Malta e Ucraína. 

Desde a mostra escultórica sobre roca en Taq-i-Bostan (Kermanshah, s. VI d.C.) en Persia (actual Irán) ata a xirolarrúa (País Vasco), tomada das portadas das catedrais peninsulares (s. XIII), aparecen espalladas ao longo e ancho de Europa, Asia e norte de África, variadísimas formas do instrumento. Cada pobo e cada cultura dan a súa impronta morfolóxica e tímbrica á gaita. O seu son vai a ser elemento diferenciador da alma da cultura que a alberga. O seu emprego vai desde os fastos dunha voda persa, cerimonias nupciais, festas ata contextos militares. As súas formas lingüísticas ou denominacións conforman un valiosísimo documento de linguas e culturas de cada rexión ou área cultural. 

A través dos vinte exemplares que se expoñen baixo en “Cornamusas primitivas: Historia da Civilización”, seleccionados entre a vasta colección que alberga o Museo Internacional de Cornamusas de Ourense, pódese botar unha mirada retrospectiva cara á historia da civilización, que, sen dúbida, esta mostra leva consigo. Tanto desde o punto de vista lingüístico ou filolóxico, como desde a óptica organolóxica ou musical, os instrumentos que se expoñen nesta mostra son un vivo exemplo de múltiples culturas que nos precederon. 

A exposición “Cornamusas primitivas: Historia da Civilización” poderase visitar, de luns a venres, en horario de 9.00 a 14.00 horas, así como de 16.00 a 20.00 horas. Os sábados estará disponible entre as 10.00 e as 14.00 horas. Estará disponible ata o 31 de decembro. 

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------