O PSOE reclama máis diñeiro para atender á demanda de servizos sociais

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Durante a sesión plenaria extraordinaria que tivo lugar esta mañá, a edil socialista María Fernández Ojea lembrou, irónicamente, que “este goberno, que é o que máis gasta en festas e en barrios, non paga”. Incidiu en que as facturas sen tramitar supoñen un grave problema, máis aló dos que se desprenden da legalidade, e é que “a xente non cobra” polos servizos prestados.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Enfoucouse, neste senso, nos cambios de posición do PP que pedira a retirada desta modificación de crédito –para festexos e a campaña de fomento da lectura– no anterior pleno extraordinario pero que agora se abstivo. “Cando pensábamos que ían facer ben as cousas, e traerían este expediente explicado e desglosado e cos erros ortográficos da memoria corrixidos, o domingo, con nocturnidade e certa alevosía, reaparece o coordinador de Alcaldía para defender que está todo ben, que poden facer o que queiran”, expuxo a concelleira sobre os tempos e o proceder do acceso á información coa que se vén topando a oposición.

Así mesmo, subliñou que tanto a festa de Hallowen como a do magosto (cuxa programación xa se presentou) foron contratadas e organizadas sen crédito para elo. “Se vostedes queren encher bolsas de vinculación para facer o que lles da a gana e pagar a campaña electoral de Democracia Orensana, adiante. Pero quen pense que vai cobrar os servizos prestados nestes últimos festexos que se vaia esquecendo”, suxeriu a socialista engadindo que aínda están sen pagar as do barrio de O Couto –do mes de maio–.

No que se refire á modificación de crédito coa que se pretende habilitar algo máis de 48.000 euros para levar a cabo reformas no cemiterio de San Francisco, Fernández Ojea salientou que, pese a afirmar no pleno ordinario da semana pasada que o equipo de goberno contaba cunha memoria na que se recollían as actuacións que se pretenden facer e se solicitara a súa incorporación á documentación, para o seu estudo, isto non se fixo.

A portavoz do grupo do PSdeG no Concello de Ourense, Natalia González Benéitez, recordoulle ao alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, que o servizo da limpeza continúa en precario e que era el mesmo o que criticaba ao seu predecesor no cargo do PP, Jesús Vázquez Abad, polo custo que isto supoñía para a cidadanía e que incluso o levou aos xulgados por este motivo. “Vostede leva case cinco anos gobernando e non o sacou a licitación”, espetou.

Tamen afirmou a voceira que o rexedor merca “autobuses sen sacar un prego de licitación e contedores sen ter como pagalos” e despois culpabiliza ao grupo socialista de non querer “pagar os seus pufos porque non hai crédito”. “Vai traer as caixas do lixo sen que haxa camións adaptados para vacialos e é consciente de que non cumpren a normativa do mesmo xeito que acontece cos vehículos apilados nunha nave que non é do Concello”, argumentou antes de votar en contra desta modificación.

Denunciou na súa quenda de intervención, unha vez máis, a falla de planificación do goberno municipal, a nefasta xestión económica que están a padecer os e as veciñas da cidade e as “praxes irregulares na contratación pública que pleno tras pleno extraordinario chegan en forma de modificacións de crédito”. Neste senso, referiuse ao grupo do PP para lles recriminar que non pensen nos e nas ourensás e continúen blanqueando a Jácome “a cambio de non se sabe que” ou para manter as súas poltronas e intereses noutras administracións.

Sobre a modificación de crédito para atender ás necesidades dos servizos sociais, a edil socialista expresou que a contía non chega dabondo e esixiu que as 81 familias que cumprían cos requisitos para percibir unha bolsa para comedor escolar e quedaron sen elas por ausencia de orzamento non fiquen desamparadas. “Insistimos neste punto porque o ano pasado non se lles facilitou a axuda, pese a anunciar o alcalde que si se faría e que se cambiarían as bases da convocatoria e continuamos nas mesmas”, incidiu.

“Esperamos que non vaian a utilizarse os fondos dos servizos sociais municipais a través doutras bolsas de vinculación para fins que nada teñen que ver con esta área como xa aconteceu en moitos casos”, advertiu e enumerou algún dos programas que o goberno de Jácome fulminou como a atención a familias monoparentais e monomarentais ou a subvención de 60.000 euros que oferta a xunta para asesorar e orientar as persoas migrantes que o necesitan.