O Concello colocará este venres, 10 de novembro, unha placa conmemorativa do bicentenario de Tomás Máría Mosquera na casa na que viviu da rúa que leva o seu nome

EN COLABORACIÓN CO CENTRO DE ESTUDIOS CHAMOSO LAMAS, ORGANIZA UNHA MESA REDONDA SOBRE A SÚA FIGURA E LEGADO

INTERVIRÁN OS HISTORIADORES XOSÉ LUIS SOBRADO E CARLOS MONTES, ASÍ COMO O ALCALDE DO CARBALLIÑO, FRANCISCO FUMEGA

AVANTAR ACTIVIDADES

O Carballiño, 9 de novembro de 2023.-Este venres, 10 de novembro, cúmprense douscentos anos do nacemento de Tomás María Mosquera García (A Torre-Castrelo de Cea, 10 de novembro de 1823-Madrid, 30 de abril de 1890), avogado e político afiliado ao Partido Liberal, que foi deputado, senador, vicepresidente do Senado, ministro de Ultramar e Fomento, e a quen a corporación municipal carballiñesa lle dedicou no ano 1890, tras a súa morte, unha céntrica rúa da vila, a chamada ata entón “Do Comercio” que pasou a denominarse “De Mosquera”.

Coincidindo con esta efeméride, o Concello do Carballiño colocará unha placa conmemorativa na fachada da casa na que viviu na rúa que leva o seu nome. Neste mesmo lugar, en diferentes períodos históricos, xa houbo otras dúas placas que se perderon tras construirse un novo edificio no mesmo emprazamento. Nesta ocasión trátase dunha placa de azulexo na que figuran as datas de nacemento e pasamento, así como os cargos que ocupou como ministro de Ultramar e Fomento, xunto coa silueta do persoeiro.

Asimesmo, o Centro de Estudios Chamoso Lamas, en colaboración co Concello do Carballiño, promove a celebración dunha mesa redonda sobre a biografía e relevancia de Tomás María Mosquera en cuxa traxectoria política destaca a elaboración do proxecto de abolición da escravitude nas posesións españolas en Ultramar, así como o impulso da chegada do ferrocarril a Galicia.

O acto, que é aberto ao público e no que intervirán os historiadores do centro de estudios Xosé Luis Sobrado e Carlos Montes, así como o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, coa coordinación do presidente do Centro de Estudios Chamoso Lamas, Carlos Rodríguez, terá lugar no salón de plenos do concello este venres, 10 de novembro, ás 20,30 h.