A provincia de Ourense promociónase na Feira Internacional do Turismo de Interior

A Deputación de Ourense conta cun expositor propio en Valladolid, no que dá a coñecer os recursos e as potencialidades turísticas da provincia 

AVANTAR ACTIVIDADES

As persoas que se achegaron ata o espazo ourensán mostraron especial interese por ámbitos como o enoturismo, o termalismo e os mosteiros da Ribeira Sacra. 

Valladolid, 18 de novembro de 2023.- A Deputación de Ourense está a participar cun expositor propio na 26 edición da Feira Internacional do Turismo de Interior, Intur, que se celebra esta fin de semana en Valladolid, dando a coñecer entre profesionais do sector e público en xeral os recursos e potencial turístico da provincia. Neste sentido, as persoas que se achegaron ata agora ao espazo ourensán mostraron especial interese por ámbitos como o enoturismo, o termalismo e os mosteiros da Ribeira Sacra. 

A Deputación, a través do Inorde, promociona a provincia dun xeito integral optando nesta edición por destacar aspectos como a Vía da Prata-Camiño Mozárabe, o itinerario xacobeo que discorre por máis dunha vintena de municipios ourensáns, ademais dos principais recursos patrimoniais asociados ao destino “Ourense Termal”, enmarcado no Plan de Sustentabilidade Turística, e o xeodestino “Trevinca-Valdeorras”.  

A participación en Intur comezaba o xoves, 16 de novembro, cunha xornada exclusivamente profesional que permitiu presentar o destino ás axencias, coa participación de empresas de enoturismo, hoteis e turismo activo da provincia presentando a súa oferta.  

Trala xornada estritamente profesional comezou “Intur Viajeros” que permitirá ao público en xeral coñecer ata o 19 de novembro as propostas de destinos como Ourense e os catro piares da marca turística da provincia: enogastronomía, natureza, patrimonio e termalismo.