Correa Corredoira trae ao Marcos Valcárcel a súa experiencia en África coa exposición “un lugar sen medida”

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolle desde esta tarde a exposición “Un lugar sen medida” do prestixioso artista galego Xabier Correa Corredoira, que presenta con esta mostra a produción dunha serie de obras durante a súa estadía de catro meses en Namibia. 

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Son máis de cen pezas producidas sobre papel, teas, madeiras e incluso sobre lamas de tabaco que transportan ao visitante a un lugar diferente coa presenza dos animais típicos da rexión, con homes e mulleres marcados por un entorno hostil (Namibia ten gran parte do seu territorio no deserto) e tamén coas súas paisaxes de costa e o seu mar. 

“África entra, cunha música que é pura cor, para quedarse. Foi experiencia tatuada nos adentros: transformoume”, refire o artista a esta estadía en África que en certa maneira cambiou a súa vida e que como proxecto expositivo é a primeira vez que se ofrece ao público. 

A exposición, que se poderá visitar ate o día 21 de xaneiro de 2024, foi inaugurada polo vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández, que lembrou a importancia de Correa Corredoira no panorama artístico galego, onde formou parte do movemento renovador Atlántica a principios dos anos oitenta. 

Angel Cerviño, comisario da exposición, fixo un repaso pola traxectoria brillante e comprometida de Correa Corredoira, un artista total que pinta, fai escultura, cerámica, gravado e outras producións. 

Francisco González, director do Marcos Valcárcel, expresou a súa satisfacción por abrir esta mostra na cidade, “xa que a pesares do seu prestixio e da súa dilatada traxectoria esta é a primeira exposición individual de Correa Corredoira en Ourense”.