Será a través dunha moción presentada para o seu debate no pleno deste vindeiro mércores 29 de novembro.
O gran número de queixas recibidas por parte de moitas familias fan urxente tomar medidas.
O Carballiño, 25 de novembro de 2023.
Adxuntamos o texto da devandita moción:
Xa hai tempo abondo que son moi habituais as queixas de pais e nais do noso concello usuarios dos parques infantís.
Os últimos incidentes acontecidos no recén inaugurado de Toscaña por deficiencias no tobogán que tiñan que ter sido subsanadas antes da súa apertura, non fixeron máis que aumentar o malestar xeral a este respecto.
A presenza dunha cinta policial nun área para cativos aos quince días da súa apertura non anima a pensar en que se fixeran ben as cousas previamente.
Todos deberíamos ser conscientes do sensible que hai que ser con estes espazos no tocante á seguridade e polo tanto de que a obriga desta administración é vixiar co máximo coidado cada detalle.
Os nenos máis pequenos non entenden de precaución e se non se observan tódalas medidas posibles, os riscos de ter que lamentar algún día unha desgraza elevanse considerablemente. Algo que é obvio que ninguén desexa.
Temos outro exemplo no parque da Alameda onde conviven nunha perigosa combinación nenos de tódalas idades cun excesivo número de vehículos que transita polo entorno non sempre ás velocidades axeitadas. Algunhas das estruturas desta instalación tamén presentan serias dúbidas sobre se garanten a seguridade dos pequenos.
Existen outros parques coma o do Parque Municipal (en consonancia co entorno) ou os do rural que están direitamente en estado de abandono absoluto ou o dos Catro Camiños que se queda bastante escaso para a demanda existente na principal zona de expansión do noso pobo.
Resulta logo moi evidente a necesidade de tomar medidas urxentes para garantir a tranquilidade das moitas familias que empregan estes lugares para o seu lecer e para o crecemento social, intelectual e físico dos seus fillos.
Visto todo o anteriormente comentado
SOLICITAMOS
- Que o Concello do Carballiño realice unha auditoría de seguridade de todos e cada un dos parques infantís existentes no termo municipal.