Luis Menor afirma na asemblea de empresarios do polígono de San Cibrao que a Deputación sempre será o seu “fiel aliado”

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O presidente da institución provincial participou xunto ao presidenta da Xunta, Alfonso Rueda, na clausura da convocatoria anual do colectivo 

“Hoxe asino un novo compromiso da Deputación co desenvolvemento do polígono e a mellora dos seus servizos”, dixo poñendo algúns exemplos da colaboración cos empresarios deste recinto 

Entre estes exemplos citou o parque de bombeiros, o centro verde, o deseño dun mapa de riscos, o apoio financeiro a través en colaboración con Sogarpo ou a cooperación coa Xunta para o aparcamento de vehículos de transporte de mercadorías 

San Cibrao das Viñas, 24 de novembro de 2023.-O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, participou esta tarde na clausura da Asemblea Xeral da Asociación de Empresarios do Polígono Industrial de San Cibrao das Viñas, onde asegurou que a Deputación “sempre foi, vai ser e será un fiel aliado desta asociación”, sen que ninguén poda poñer en dúbida tal afirmación “nin polo traballo feito nin polo que está por vir”. 

No acto de peche da asemblea Luis Menor estivo acompañado polo presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; a alcaldesa de San Cibrao, Marta Nóvoa; a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo; e o presidente da asociación empresarial, José Antonio Rodríguez. 

Na súa primeira visita oficial “á sede da representación empresarial máis importante da provincia e das máis importantes de Galicia”, Luis Menor puxo en valor a historia dun área industrial que está a piques de cumprir o seu 54 aniversario, ao tempo que recoñeceu a verdadeira dimensión que ten a posta en marcha dun área empresarial “e moito máis se un dos seus principais proxectos pasa pola ampliación da superficie para atender a demanda de solo”, dixo en referencia ao parque de Pereiro de Aguiar, concello do que é alcalde. 

“Hoxe asino un novo compromiso da Deputación co desenvolvemento do polígono e a mellora dos seus servizos”, dixo o presidente poñendo algúns exemplos da colaboración cos empresarios deste recinto.  

Entre eles citou o parque de bombeiros, que se reforzará coa incorporación dun novo vehículo procedente da Mancomunidade de Terras de Celanova; a posta en marcha dun “Polígono verde” para o almacenamento e tratamento conxunto dos residuos producidos polas máis de 600 empresas que conforman o cinto industrial máis grande na comunidade galega, incluíndo os polígonos de Pereiro de Aguiar, Barreiros e Seixalbo, e cuxas ordenanzas de xestión veñen de ser aprobadas. 

Mencionou ademais a recente renovación do firme na rúa principal do polígono, de titularidade provincial, ou a dotación de fondos xa aprobada para a elaboración dun mapa de riscos. As infraestruturas son básicas, recoñeceu, “pero tamén cómpre ter o apoio financeiro para afrontar novos investimentos cos que crecer e ser máis competitivos”. Así lembrou o compromiso adquirido en outubro para manter o convenio de colaboración con Sogarpo, facilitando o acceso das pemes ao financiamento a través da bonificación dos custos que requiran da garantía desta sociedade. 

Destacou tamén Luis Menor os 200.000 euros que serán destinados á construción, en colaboración coa Xunta de Galicia, dun aparcamento para furgóns e camións, así como o apoio “con todas as forzas do meu Goberno provincial” á terminal de mercadorías por ferrocarril.