A Flavescencia dourada é unha enfermidade causada por un fitoplasma que provoca graves danos no cultivo da vide. Trátase dunha praga corentenaria da Unión Europea, que polo tanto diante da presenza desta praga obriga a establecer unha serie de medidas para o seu control e erradicación.
A Flavescencia dourada foi localizada en Portugal no ano 2022 en zonas próximas á fronteira con Galicia, o que derivou na declaración dunha zona demarcada (ZD) en Galicia, de 2,5 km con respecto á fronteira con Portugal.
Durante este ano 2023 producíronse novas deteccións desde organismo nocivo, ampliándose a zona demarcada, que agora inclúe territorio da propia D. O. Ribeiro.
Porén, existe un xeral descoñecemento sobre como detectar e actuar diante da praga, sen que a Consellería do Medio Rural estea a cumprir coa súa tarefa de divulgación e concienciación sobre os riscos que este situación comporta e como actuar perante a flavescencia dourada.
Por elo, desde o BNG de Ribadavia propomos ao pleno municipal de Ribadavia que se celebra este xoves 30 de novembro, a aprobación dunha moción demandando da Xunta a posta en marcha dun programa formativo para que viticultores e viticultoras poidan vixiar a presencia de Flavescencia dourada nas súas parcelas ou instalacións e comunicar ás autoridades competentes calquera sospeita ou confirmación da presenza da praga, a oferta de formación a viticultores e viticultoras sobre a aplicación dos tratamentos fitosanitarios autorizados contra o insecto vector Scaphoideus titanus, así coma un plan de actuación da Consellería do Medio Rural para colaborar coas persoas titulares de plantacións abandonadas no seu arrinque xa que estas incrementan o risco de transmisión da praga.
MOCIÓN SOBRE O CONTROL DA FLAVESCENCIA DOURADA NO RIBEIRO
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
A flavescencia dourada é unha praga que ameaza O Ribeiro cada vez máis de preto. Detectouse a finais do ano 2022 a súa presenza en Galiza e durante o ano 2023 producíronse novas deteccións desde organismo nocivo o que fixo preciso ampliar a zona demarcada e modificar as medidas, de feito, a través da resolución do 9 de novembro de 2023, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, amplíanse as zonas demarcadas pola presenza da praga afectando por vez primeira a parroquias dentro da D.O. Ribeiro e semella que só é cuestión de tempo que se extenda ate o noso concello de Ribadavia.
Porén, existe un xeral descoñecemento sobre como detectar e actuar diante da praga, polo que compre unha urxente e ampla tarefa de divulgación e concienciación sobre os riscos que este situación comporta e como actuar perante a flavescencia dourada.
Por estes motivos, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación municipal a adopción dos seguintes
ACORDOS
1. Demandar da Consellería do Medio Rural a posta en marcha dun programa formativo para que viticultores e viticultoras poidan vixiar a presencia de Flavescencia dourada nas súas parcelas ou instalacións e comunicar ás autoridades competentes calquera sospeita ou confirmación da presenza da praga.
2. Demandar a oferta de formación a viticultores e viticultoras sobre a aplicación dos tratamentos fitosanitarios autorizados contra o insecto vector Scaphoideus titanus.
3. Demandar un plan de actuación da Consellería do Medio Rural para colaborar coas persoas titulares de plantacións abandonadas no seu arrinque xa que estas incrementan o risco de transmisión da praga.
4. Demandar a colaboración da Consellería do Medio Rural coas persoas titulares de plantacións titulares de parcelas de viñedo nas que se deban eliminar e destruír as plantas sintomáticas a FD verificadas oficialmente.
5. Trasladar estes acordos ao Consello Regulador da D.O. Ribeiro.
Ribadavia, 23 de novembro 2023. At. Sr. ALCALDE DO .CONCELLO DE RIBADAVIA