A Deputación reforzará a colaboración coas agrupacións de Protección Civil da provincia cunha liña de axudas específica

O presidente provincial, Luis Menor mantivo unha xuntanza de traballo cos representantes de Emerxencias para poñer en valor e fomentar o voluntariado na provincia 

AVANTAR ACTIVIDADES

A Deputación continuará colaborando con este servizo de xeito “claro e contundente” coa posta en marcha destas achegas para colaborar coas agrupacións constituídas en 74 municipios e que prestan servizo a 80 concellos 

Ourense, 4 de decembro de 2023.- A Deputación de Ourense reforzará a súa colaboración coas agrupacións de Protección Civil da provincia coa posta en marcha de unha liña de subvencións específica para axudalas no seu funcionamento diario. Así o anunciou o presidente provincial, Luis Menor tralo encontro mantido no Pazo Provincial co xefe do Servizo de Emerxencias da Xunta en Ourense, Olivier Reboredo; o presidente da Asociación Provincial de Agrupacións de Protección Civil de Ourense, Clemente Pérez; e o xefe da área do Servizo de Emerxencias da Xunta en Ourense, Constantino Prado.  

A Deputación continuará colaborando con este servizo de xeito “claro e contundente” coa posta en marcha desta nova liña de axudas para colaborar coas agrupacións constituídas en 74 municipios e que prestan servizo a 80 concellos. “Temos o maior nivel de cobertura de toda España”, destacou Luis Menor.  

Ademais, na xuntanza acordouse manter un convenio para a organización anual da Xornada de Protección Civil que é “a mellor de Galicia e incluso de España ao reunir a máis de 500 persoas para poñer en valor o gran traballo que realizan ao longo de todo o ano”, explicou Luis Menor. Agradeceu o seu traballo, así como a súa atención á sociedade ourensá afirmando que “sempre están cando se requiren tanto nas grandes emerxencias como en numerosos eventos”. 

O ano pasado, Protección Civil “participou en máis de 50 operativos nos que colaborou a Deputación mobilizando a preto de 1.300 voluntarios”, salientou Olivier Reboredo, polo que agradeceu ao presidente provincial que lle dea a importancia que merece o voluntariado. “Hoxe en día o traballo de protección é esencial en calquera operativo que se realice tanto no que atinxe ós labores de axuda como de prevención”, sinalou. Actualmente, teñen rexistrados a 1.300 voluntarios converténdose “no colectivo, seguramente, con maior representación na provincia de Ourense”. 

En nome das agrupacións de Protección Civil de Ourense, Clemente Pérez agradeceu “a especial sensibilidade e compromiso” que amosa Luis Menor co voluntariado provincial “atendendo as nosas inquedanzas e brindándonos o seu apoio” a través de diferentes liñas de colaboración.