O Psdeg-Psoe de Ourense presenta emendas aos orzamentos da xunta para 2024

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

O psdeg-psoe de Ourense presenta emendas aos orzamentos da xunta para 2024 ao considerar que amosan unha “falta de ambición” e unha discriminación “total” a unha provincia que precisa con “urxencia” de investimentos

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

As deputadas e o deputado socialista no Parlamento de Galicia denuncian que os orzamentos da Xunta de Galicia para 2024 afondan na “discriminación” de Ourense e “dinamitan” proxectos decisivos para o futuro desenvolvemento da provincia

Os e as socialistas botan en falta “partidas específicas para a posta en marcha do tan ansiado transporte metropolitano, dun plan estratéxico termal, de axudas ao sector da castaña ou da aposta pola innovación e o desenvolvemento de enerxías verdes”

Ourense, 7 de decembro de 2023. O PSdeG-PSOE de Ourense, a través das súas deputadas no Parlamento de Galicia, Marina Ortega e Carmen Rodríguez Dacosta, e do deputado, Eduardo Ojea, presentaron emendas aos orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2024 na provincia ao considerar que son unha “copia e pega” dos anteriores. Consideran que estamos ante uns presupostos “carentes totalmente de ambición” e que amosan unha discriminación “total” a unha provincia que precisa con “urxencia” de investimentos por parte da administración galega.

As deputadas e o deputado socialista no Parlamento de Galicia por Ourense denuncian que os orzamentos da Xunta de Galicia para 2024 afondan na “discriminación” de Ourense e “dinamitan” proxectos decisivos para o futuro desenvolvemento da provincia. “Pódese afirmar que pasamos do reequilibrio territorial ao desequilibrio e a exclusión territorial promovidos pola Xunta”, censuran os parlamentarios socialistas en relación á “marxinación” de Ourense nas contas autonómicas.

Ortega, Dacosta e Ojea poñen de manifesto que os orzamentos “non apostan por reverter as listas de agarda na dependencia, no acceso ás residencias de maiores ou na atención a persoas con discapacidade, cando estamos falando de que Ourense é unha das provincias máis envellecidas do panorama nacional”.

Dende o grupo socialista sinalan que a emenda transversal presentada, cun investimento de 15.320.000 euros no fondo de cooperación local responde as actualizacións que o goberno do PP “leva sen facer dende o 2011”. Neste senso apuntan que o PP “non pode obrigar aos concellos a prestar servizos, ou mesmo a pagar por eles, e non darlle os recursos para o cumprimento destas obrigas”. Tal e como apuntan os deputados e deputadas socialistas “a este goberno pouco lle importan os concellos, tal e como quedou reflectido no debate do estado de autonomía, coa ausencia total dalgunha referencia sobre eles no discurso do presidente da Xunta, Alfonso Rueda”.

Os e as socialistas de Ourense apostan nas súas emendas por potenciar os servizos sociais coa creación de centros de día en concellos como Muíños, Vilamarín ou Ramirás; ou a construción dunha residencia de maiores en Petín. Tamén poñen en valor a sanidade, coa necesidade de impulsar investimentos no hospital comarcal de Valdeorras ou coa construción dos centros de saúde de Ribadavia, Mariñamansa ou o Vinteún. En materia educativa poñen o foco en investimentos na escola infantil do Irixo e Verín e nas novas escolas de Ourense e Ribadavia.

O PSdeG-PSOE de Ourense, a través dos seus representantes no Parlamento de Galicia, tamén se laia da “ausencia nos orzamentos de partidas específicas para a posta en marcha do tan ansiado transporte metropolitano, dun plan estratéxico termal, de axudas ao sector da castaña ou da aposta pola innovación e o desenvolvemento de enerxías verdes, como a creación dunha comunidade enerxética en Entrimo”. Nas emendas presentadas os e as socialistas pídenlle á Xunta partidas para a mellora viaria da OU-533/OU-540, para formación e fomento do emprego ou a mellora de infraestruturas, do servizo da auga e de instalacións municipais nas diferentes comarcas da provincia como A Limia, Valdeorras, Carballiño, Verín, Ribadavia, Ourense ou a Baixa Limia, entre outras.